A Sala de Exposición do Pazo de San Marcos acolle a mostra “Estruturas de Fusión” de Lois Cid, proxecto gañador do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, seleccionado entre os máis de 120 que se presentaron a convocatoria, chegados de máis de 20 países. 

O proxecto, sinala o fotógrafo ourensán na sinopse que acompaña a mostra, “amosa o espazo en construción como un xacemento arqueolóxico. Nel analizo os residuos que quedan despois do levantamento dun edificio e relacionoos cos entullos xerados polo derrube de antigas construcións. O proceso de construción e colapso vólvese unha mesma entidade, moitas veces difícil de diferenciar”.

As fotografías, realizadas ás aforas de Amberes, en Bélxica, durante a eclosión do coronavirus nun espazo a carón do río monopolizado polos espazos en construción e as demolicións de edificios  son o elemento central da mostra que incorpora tamén, nunha deriva escultórica,  materiais e pequenos obxectos que se atopaban entre os restos das obras.

 

A exposición, comisariada por Vitor Neves, poderá verse no Pazo de San Marcos ata o vindeiro 31 de xaneiro. De luns a venres, de 10.30 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.30 horas; sábado, de 10.30 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.00 horas; e domingo e festivos, de 11.00 a 14.00 horas. Despois, comezará unha itinerancia por cidades galegas e portuguesas.

O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, convocado pola Asociación Outono Fotográfico coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, ten como obxectivo principal promover este tipo de fotografía e salientar as cuestións éticas que suscita, en xeral, a arte contemporánea.