A exposición ‘Don Ricardo de Fingoi’, homenaxe a Carballo Calero por serlle dedicado o Día das Letras Galegas do presente ano, pode visitarse na sala da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, onde permanecerá ata a próxima fin de semana.

A mostra, organizada polo Colectivo Egeria, con patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración da Real Academia Galega e o Colexio de Fingoi, reflicte as “pegadas de Carballo Calero en Lugo”, onde permaneceu quince anos (1950-1965), e desenvolveu unha moi importante actividade na investigación, na educación e na escrita.

No seu período en Lugo, Ricardo Carballo Calero leu e publicou a tese de
doutoramento, ingresou na Real Academia Galega e publicou a súa monumental Historia da Literatura Galega contemporánea.

A exposición ten carácter itinerante, e o próximo luns, 27 de xaneiro, comeza o seu percorrido por centros educativos, culturais e concellos de Galicia, partindo do que foi Instituto de Carballo Calero en Compostela (IES Rosalía de Castro) e indo a continuación á Universidade compostelá.

A exposición ‘Don Ricardo de Fingoi’, na sala da Xunta de Galicia en Lugo
Foto: Colectivo Egeria