Exposición «Panos Quentes», cando o social se torna unha imaxe
A inauguración da segunda exposición de Solaina terá lugar o vindeiro sábado 3 de outubro, ás 17.00 horas

O vindeiro 3 de outubro ás 17.00 horas inaugura a súa segunda exposición Solaina. Unha exposición colectiva que ten como base a fotografía, sendo esta a primeira ferramenta de traballo, pero que tamén toca outras disciplinas como a instalación ou a performance. A exposición contará con 12 artistas galegos e portugueses: Aitor Agudo, Byakkoya, Francisco Rabisco, Gabriel Gofand, Hugo Sousa, Judith Cerqueiro, Laura Leiras, Lorena Ro, Ramón Carreira, Rebeca Cambeiro, Rodrigo Díaz e Toñita Vázquez. 

Antía Carreira e Sergio Marey, curadores deste espacio e tamén de Panos Quentes, describen esta segunda exposición como «Pano quente mollado en haluros de prata, viradores, ácido acético… que se pon sobre unha problemática, unha inxustiza ou un debate para aliviar a dor. Son esas miradas que traspasan as lentes, a confrontación do negativo co mundo, coa escolma de senlleiros conflictos sociais. O inesgotable carrete do revirar do mundo, historia circular. Panos quentes, mediocres reproches”.

Solaina, un novo espazo con sede en Lugo dende o que promover a arte e a cultura da cidade, e no que os artistas poden coñecerse, traballar xuntos, dialogar e exhibir as súas pezas. Este proxecto está dirixido e curado por Antía Carreira e Sergio Marey, dous novos artistas lucenses que esperan facer de Solaina “un referente da arte en Galiza e no mundo”, e cuxo obxectivo é proporcionar “un espazo aberto a todas as artes e disciplinas, a calquera proxecto, coa intención de descentralizar a arte e acercala a sociedade”.

Inauguración da expo "Panos Quentes" en Solaina

 

Solaina non só permite dar a coñecer a novos artistas contemporáneos, dándolles oco nunha galería, senón tamén serve para visibilizar todas as disciplinas, dende a música á pintura, pasando pola instalación, a moda ou a foto entre outras. “Queremos dar un espazo real a todas as artes e crear un lugar de diálogo para os artistas que queiran mostrar o seu proxecto”, explica Antía Carreira. “Solaina é ese lugar de encontro das artes, dunha cultura emerxente que quere estalar, e onde todos sodes benvidos”, engade Sergio Marey.