Visitar un museo non deixa indiferente ao espectador, supón un sobresalto na súa vida cotiá e muda a súa percepción. Unha pioneira investigación que combina arte e ciencia indagará que supón para o espectador visitar unha obra de arte na Fundación Luis Seoane , que o pasado xoves acubillou un obradoiro sobre sensorialidade aplicada á arte.
Ao igual que se analiza a percepción sensorial do viño, os seus aromas, olores e outros matices, tamén se poden estudar outros produtos alimentarios ou cosméticos ou calquera outra situación susceptible de ser valorada a través dos nosos sentidos. Por primeira vez abordarase nunha obra de arte, en concreto a do artista Luis Seoane. Esta innovadora investigación explorará a sensibilidade que trae visitar unha obra de arte e a vez estudará como intensificar a sensorialidade dende a atención profunda.
A investigación Sensorialidades aplicadas, un ensaio arte-ciencia adapta o método científico e o artístico para tecer un lugar complexo de interacción entre ambos mundos. Grazas a esa mestura de saberes combinarase o uso dun electroencefalográfo (EEG), unha weareable en forma de diadema coa que realizar unha exploración funcional do sistema nervioso central e combinaranse exercicios de relación do corpo coa obra artística.
A investigación está dirixido por Fran Quiroga , artista e investigador multidisciplinar en colaboración con TasteLab , a primeira empresa tecnolóxica de análise sensorial de España, que é unha spin off do Campus de Lugo da USC creada por tres doutoras especialistas no sector farmacéutico e alimentario e unha científica matemática especialista en análise de datos.
Tras o obradoiro e co análise do resultados presentarase, no prazo de tres meses, unha publicación e un vídeo no que se determinará, entre outras cuestións, o grao de atracción ou aversión ou a capacidade da arte para desconectar e permitir fuxir da realidade cotiá e así recuperar unha concentración intensa, o que dalgún modo ten unha labor terapéutica.