As áreas de Cultura e Infraestruturas realizan un mural sobre o himno galego
O mural foi realizado por Concepto Circo na escalinata da Ronda das Fontiñas
As áreas de Cultura e Infraestruturas realizaron un mural sobre o himno galego na escalinata da Ronda das Fontiñas. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, declarou que “desde as áreas dependentes da Tenencia de Alcaldía apostamos por mellorar a estética desa zona da cidade ao mesmo tempo que rendiamos homenaxe a un símbolo da nosa cultura como é o himno, e ás figuras de Eduardo Pondal e Pascual Veiga, creador da letra e compositor da música”.
“Desde o goberno municipal traballamos en dar a coñecer o patrimonio cultural de galego e lucense, e que a veciñanza o coñeza e o valore”, informou Maite Ferreiro, que engadiu “queremos darlle un valor engadido aos paseos por Lugo, para que a nosa veciñanza e as persoas que decidan visitar a cidade non só visiten o patrimonio arqueolóxico, senón tamén o patrimonio cultural”.
A edil de Cultura vinculou esta acción ao mural adicado a Carvalho Calero e as homenaxes realizadas nas rúas polo Día das Letras Galegas. A área de Cultura contou coa colaboración de Concepto Circo para a realización deste mural.