A loita das mulleres contra o fascismo entre 1936 e 1945 protagoniza a mostra documental que se exhibe dende o 3 de decembro ata o 5 de xaneiro no Centro Cultural O Vello Cárcere de Lugo.
O acto inaugural celebrarase o venres 10 de decembro, ás 19 horas
O Vello Cárcere acollerá o día 11 de decembro dous faladoiros que reunirán a investigadoras, colaboradoras do proxecto e familiares de mulleres resistentes procedentes de Alemaña, Francia, España e Galicia.

O proxecto Mulleres Resistentes céntrase na contribución do movemento polos dereitos da muller e das loitadoras antifascistas á democracia en Europa e en darlles toda a visibilidade que merecen. Milicianas, políticas, traballadoras na retagarda, voluntarias, guerrilleiras, manifestantes, represaliadas, deportadas… Desde as súas accións máis conscientes ata os pequenos xestos que serviron para contribuír á loita pola liberdade e o antifascismo son obxecto desta exposición.

Un proxecto internacional que busca facer xustiza á súa memoria e ofrecer ao público visitante unha visión global da importancia real que supuxeron as súas accións.

A MOSTRA

A mostra traza un percorrido documental e fotográfico pola resistencia das mulleres na loita contra o fascismo na Guerra Civil española e a Segunda Guerra Mundial conectando a resistencia en Galicia e en España coa de Francia, Italia e Alemaña. Podemos coñecer as diferentes organizacións femininas antifascistas, o papel das mulleres como enlaces ou mensaxeiras, como enfermeiras, como milicianas, como guerrilleiras, nas Brigadas Internacionais ou na fronte de combate.

Tamén se aborda a importancia e a contribución das que loitaron dende os seus fogares e pola supervivencia das súas familias, dende o campo ou dende as fábricas, ou coa cámara fotográfica, o bolígrafo e a palabra como armas. 

A represión e os fusilamentos, as prisións e os campos de concentración son parte tamén da investigación desta exposición na que se manifesta a firme determinación de milleiros de mulleres europeas de loitar contra o avance do fascismo. Así o retrata o poema de Marianne Cohn incluído na mostra: ‘Traizoarei mañá, non hoxe / Hoxe, arrínquenme as unllas / Non traizoarei. / Vos non coñecedes o extremo da miña coraxe. / Eu, eu sei’.

As irmáns Touza, ás irmáns Fandiño Ricart ‘As Marías’, Enriqueta Otero, Placeres Castellanos, Consuelo Rodríguez ‘Chelo’, Mercedes Núñez ou María Casares son algunhas das resistentes galegas que forman parte da memoria que recolle a mostra.

ACTO INAUGURAL E ACTIVIDADES

Poderá visitarse en O Vello Cárcere de Lugo dende o 3 de decembro (ata o 05/01) aínda que o acto inaugural será o venres día 10 ás sete da tarde e contará coa participación do presidente da ARMH, Emilio Silva, a representante galega da Asociación, Carmen G. Rodeja e a Concelleira de Cultura de Lugo, Maite Ferreiro. Un acto que tamén contará coas voces poéticas de Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer e a actuación musical de Su Garrido. 

Con este proxecto a ARMH quere crear un mapa da memoria da resistencia das mulleres ao fascismo en Europa e estreitar lazos coa sociedade civil dos diferentes países participantes. Esta incipiente rede internacional terá o seu primeiro grande encontro en Lugo:

O Vello Cárcere de Lugo acollerá o día 11 de decembro o primeiro encontro internacional arredor do proxecto reunindo a investigadoras e colaboradoras de Alemaña, Francia e Galicia. Será nun coloquio que se celebrará a partir das cinco e media da tarde coa participación de Paloma León, escritora e colaboradora francesa do proxecto; Verena Boss, escritora e colaboradora alemá e María Lopo, investigadora galega. 

Esa mesma tarde do sábado 11, ás sete, celebrarase outro encontro entre familiares de mulleres resistentes na que participarán René Miguel Bueno – filla da exiliada española Araceli Bueno que sobreviviu ao campo de Argelés-sur-mer e axente activo do maquis – Salomé da Torre – neta de Carme Rodríguez Nogueira enlace da guerrilla, encarcerada e torturada, e Paz Gómez del Valle, neta de María del Valle, que foi apresada e asasinada.

 

As vindeiras sedes da exposición Itinerante ‘Mulleres Resistentes’ serán o Museo Cívico de Bari, Italia, en xaneiro e o Volkshochschule de Aachen, Alemaña, en marzo. Posteriormente viaxará a Bélxica, Croacia e Portugal.

‘Mulleres resistentes’ é un proxecto da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, está producido e deseñado por Urdime e XesCultura e financiado polo Programa Europa para os Cidadáns da Unión Europea.