Nova mostra de Antía Carreira en Leira.

O 3/10 ás 19h, inaugúrase «DA TRAÍDA» no espacio Leira, situado en Praza do Campo, Lugo, dentro do ciclo de residencias comisariado por Visión Periférica.
Antía Carreira leva semanas investigando a relación ancestral dos mananciais co sacro e a súa vinculación coa calidade hídrica das canalizacións no actual rural lucense, desde imaxes macro ás imaxes micro que revelan “outros mundos que están en este”.
Antía Carreira é unhe artista de Lugo cunha ampla traxectoria no audiovisual e a xestión cultural. 
A exposición permanecerá aberta mediante visitas guiadas os días 17/10, 31/10 e o 14/11 , e mediante cita previa en leirahaus@gmail.com
Visión Periférica é unha proposta recoñecida e financiada polas Axudas INJUVE á Creación, consistente nun ciclo de residencias artísticas que se levarán a cabo durante 2025 e traerán a Lugo artistas de diferentes procedencias e disciplinas centradas no audiovisual.

O espazo de creación, investigación e producción artística Leira acolle o venres 3 de outubro ás 19h a inauguración que amosa o resultado da residencia artística que Antía Carreira leva realizando dende o inicio do mes de setembro, como punto final dunha serie de accións e obradoiros que foron tendo lugar durante as últimas semanas na cidade de Lugo.

Excursión ao Monte Segade e obradoiro audiovisual con microscopios
Extracto do texto de sala: 

Da traída é un proxecto que parte da observación dos petroglifos da zona de Adai (Lugo), especialmente daqueles que amosan formas de coviñas, para explorar a relación ancestral entre a auga, os rituais e o territorio. 

Estas marcas na pedra, datadas hai arredor de 4.000 anos, repítense en Galicia en lugares elevados, visibles ou próximos a fontes e mananciais.

A súa función hipotética está ligada á sinalización de zonas con augas beneficiosas para o consumo, pero tamén a un uso simbólico e ritual, asociado á curación, á fertilidade e ao diálogo co sagrado. 

Ao encherse coa chuvia, as coviñas convértense en pequenos receptáculos onde auga se acumula para un uso cerimonial. 

Nesta zona no que a vida humana e non humana, aínda dependen do abastecemento destes mananciais, o proxecto contrasta a antiga dimensión sagrada da auga co seu uso cotián actual e a presenza da contaminación e coa calidade hídrica das canalizacións no actual rural lucense (…)

A exposición estará aberta ata finais de novembro mediante visitas guiadas os días 17 e 31 de outubro e o 14 de novembro, e mediante cita previa en leirahaus@gmail.com
Sobre a artista: 

Antía Carreira (Lugo, 95) é cineasta, artista visual e activista. Constrúe a través do arquivo, establece unha conversa activa coa memoria propia e allea. As súas creacións oscilan entre o documental, a videoarte e a instalación. Destaca tamén o seu traballo de xestión cultural e organización de eventos, desde a colectividade, a creación de redes e a experimentación.

instagram.com/tonita.carreira/

Sobre Visión Periférica e o ciclo:

Visión Periférica é o programa de residencias artísticas do espazo de investigación, creación artística e produción cultural contemporánea Leira Haus para 2025.

No ciclo Corzas, penas e transparentes, Leira busca rescatar esas mitoloxías que permaneceron no limiar, reclamando novas formas de ser miradas, narradas e encarnadas.

Visión periférica: rede local de exploración contravisual, á súa vez é o xerme dun dispositivo autónomo, unha rede de investigación e creación artística que propón un marco crítico para repensar a construción de imaxinarios territoriais desprazando as visualidades hexemónicas sobre o territorio e as súas existencias, a través das tecnoloxías, o videoarte e as prácticas artísticas colaborativas situadas. Unha mirada desviada aos centros mediales e dixitais, e ao seu confinamento exclusivo aos grandes polos da cultura.

instagram.com/vision__periferica/