O Museo de Lugo inaugura unha mostra retrospectiva de Leopoldo Nóvoa.
“O silencio da pintura” inclúe  32 obras que explican a traxectoria do artista, referente da arte abstracta
A familia do artista cedeu ao museo lucense unha obra de lenzo e lousa realizada en 1993

O Museo de Lugo inaugurou a exposición “Leopoldo Novoa. O silencio da pintura”, que inclúe 32 obras entre cadros e libros ilustrados  polo artísta pontevedrés.  

Na apertura, Susana Carlson, viúva do artista, anunciou a doazón ao Museo Provincial de Lugo de “Samos”, unha obra sobre lenzo e lousa realizada en 1993.

A peza abre a mostra que se pode ver no Museo provincial dende este xoves, 23 de novembro, ata o 4 de febreiro, con 32 obras que sitúan Leopoldo Nóvoa (Salcedo, Pontevedra, 1919-París, 2012) como unha das grandes referencias da arte abstracta tanto dentro como fóra de Galicia na segunda metade do século pasado.

A comisaria da mostra Rosario Sarmiento indicou que a exposición “ producida especialmente para as salas do Museo Provincial de Lugo pretende dar a coñecer o traballo de Leopoldo Nóvoa desde un relato que explique as referencias básicas para entender a súa traxectoria como artista plástico”.

Na súa intervención no acto, a deputada de Cultura Iria Castro agradeceu “a xenerosidade da familia de Leopoldo Nóvoa” e remarcou “a importancia da incorporación da peza ao Museo Provincial, a primeira deste artista referente da arte abstracta”.

 

A concelleira de Cultura de Lugo Maite Ferreiro destacou “a contribución do Museo Provincial de Lugo a situar Lugo como un referente cultural no resto de Galiza e fóra”.

Leopoldo Nóvoa. O silencio da pintura. Notas da comisaria, Rosario Sarmiento.

Leopoldo Nóvoa (Salcedo, Pontevedra, 1919-París, 2012) é, sen subida, unha das grandes referencias da arte abstracta tanto dentro como fóra de Galicia na segunda metade do século XX, e por extensión un dos nosos artistas máis internacionais.

Nóvoa foi ademais dun creador rigoroso, un home reflexivo e profundo que viviu unha longa e prolífica existencia en lugares e circunstancias moi dispares. Ao longo da sua vida foi un artista recoñecido, cunha brillante traxectoria que levou a súa obra ás salas de exposicións e museos de todo o mundo. Sen embargo no seu país natal, onde pasaba largas tempadas estivais desde as últimas décadas do século pasado, non obstante é un artista non moi coñecido entre o gran público.

As súas mostras seguen sorprendendo e creando expectación e admiración polas súas obras. Esta idea de dar a coñecer o seu traballo desde un relato que explique as referencias básicas para entender a súa traxectoria como artista plástico, é o obxectivo da exposición “Leopoldo Nóvoa. O silencio da pintura”, producida especialmente para as salas do Museo Provincial de Lugo.

Unha traxectoria que se inicia en Uruguai e Arxentina, continúa co seu asentamento en París e a concreción do que serán as súas claves creativas (1965), o incendio do seu taller no Faoubourg Saint-Antonie (1979) coa destrución das 2.000 obras alí almacenadas e a importantancia capital que terá a súa casa-taller de Armenteira (1983) no renacemento e a creación dunha nova linguaxe plástica a partir das cinzas.

Hai que decir que espazo, materia e luz son os elementos dos que sempre se valeu Nóvoa para articular a súa obra, facendo fincapé nas relacións que se establecen entre eles e desposuíndo á obra do superfluo. Nas obras da súa etapa anterior ao incendio de París é patente a súa vocación tridimensional coas estruturas ou relevos que inclúen debaixo das teas.

Nas obras posteriores, os límites entre a pintura e a escultura están, cada vez máis diluídos, as superficies dos cadros adquiren volume a través dos relevos, pero sobre todo pola inclusión de materiais como pequenos anacos de corda –mecates– colaxes, que terán total protagonismo. Sempre os xogos de cor, o branco ou o negro serán acenos de identidade dunha obra de código conceptual reducido pero sumamente denso.

Leopoldo Nóvoa. Biografía

Nace en Salcedo, Pontevedra en 1919. De nai española e pai uruguaio. A súa infancia desenvólvese entre Salcedo e Raxo. Aos 7 anos viaxa a América, establecéndose o seu pai na Pampa arxentina. Aos 10 anos a familia regresa a Galicia. Nóvoa estuda bacharelato no colexio “León XIII” de Vilagarcía de Arousa. Prepárase para ingresar na facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela cando Franco dá o golpe de estado.

En 1938 exiliase ca súa familia en Uruguai. Traballa na industria e ingresa na Facultade de Arquitectura. Pasa logo a Dereito e estuda ata o terceiro ano.

En 1942 empeza as súas actividades coa cerámica. Ese mesmo ano funda a revistas Apex con dous amigos, C. Maggi e M. Flores. Nela e noutras revistas publica contos. En Apex colaboran, entre outros, Torres García, Juan Carlos Onetti, e Juana de Ibarborou, personalidades que serán decisivas na súa formación intelectual, sobre todo o primeiro, quen exercerá unha influencia determinante nel.

En 1947 contrae matrimonio con Celia Meneses. Nese momento Nóvoa comeza a pintar. A través de Ramón Valenzuela, persoa que lle anima na súa vocación, coñece a Luís Seoane, quen lle axuda a realizar a súa primeira exposición individual na galería Velázquez en 1953. Colabora coa revista Galicia emigrante.

En 1957 regresa a Montevideo, traballa en xornalismo e fai debuxos políticos. Presenta diversas exposicións.

En 1960, realiza tres murais no edificio Danart. Ese mesmo ano, chega a Montevideo, onde entra en contacto con Jorge Oteiza con quen Nóvoa establece unha estreita amizade e que o apoiará na súa evolución entre pintura figurativa e abstracta.

En 1961, viaxa por primeira vez a París.

En 1962, regresa a Uruguai. Comeza os traballos do Mural do Cerro en Montevideo.

En 1965, instálase definitivamente en París. Alí establece estreitos contactos con intelectuais e artistas latinoamericanos, con algúns dos cales funda mais tarde, en 1981, o Espazo Latinoamericano. Comeza unha serie de exposicións en Europa e América.

En 1971, pasa unha tempada en Italia onde realiza a súa primeira escultura, a Venus de Alessano. A partir de 1973, realiza unha serie de tapices en colaboración con Susana Carlson.

En 1974, fai a súa primeira exposición na galería Eduard Loeb de Paris, co que expón regularmente ata a morte de Loeb en 1983.

En 1979, un incendio destrúe o seu taller da rue de Faubourg Saint Antoine en París. Incendio Leopoldo Nóvoa na súa casa de Armenteira. Serie “Galegos na escaleira” de Xurxo Lobato en El País no que se calcula que se perderon unhas 2.000 obras, así como unha importante colección persoal de obras doutros artistas. Instálase no taller da Fondation Nationale des Arts Plastiques en Nogent-sur-Marne.

En 1983, constrúe a súa casa taller de Armenteira, onde pasa, desde entón, parte do ano. Contrae matrimonio con Susana Carlson en 1986.

En 1989, a Xunta de Galicia encárgalle un gran mural para a canteira de Santa Margarita na Coruña, obra parcialmente realizada. A Xunta de Galicia concédelle a medalla Castelao en 1993.

En 1997, presenta dúas grandes exposicións retrospectivas no Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela, e no Museo Nacional de Artes Visuais de Montevideo. Recibe o Premio Ciudad de Pontevedra en 1997.

En 1998, o alcalde de Santiago de Compostela encárgalle unha escultura monumental para o parque de Santo Domingo de Bonaval.

En 1999, a Maison de l’Amerique Latine presenta en París unha exposición retrospectiva das súas obras. Premio da Crítica de Galicia en 2002.

En 2003, exposición no Círculo de Belas Artes de Madrid, ‘Obras para unha década’. Exposición que itinerará a Vigo, Ourense e Pontevedra.

En 2005 realiza a escultura monumental, “Pousadoiro das letras”, para o Campus Universitario de Vigo. O Centro Cultural de España de Montevideo, Uruguai, mostra en 2008 unha importante exposición titulada “Nóvoa no Río da Prata – 1938-1965”. 

23 de febreiro de 2012, Leopoldo Nóvoa falece en Nogent sur Marne, Francia. 2012-2013.

Leopoldo Nóvoa. Exposicións homenaxes

‘Leopoldo Nóvoa. Alén do tempo’, Novacaixagalicia, Santiago de Compostela, A Coruña. Fondation Nationale des Arts Graphiques et Plastiques, Maison Nationale deas Artistes, Nogent sur Marne. 2016.
Exposición “Presenza do matérico” na Galería de Arte Montenegro, en Vigo (España). 2017.
Exposición “Atelier Armenteria. Leopoldo Nóvoa”. Centro Cultural Marcos Valcarcel. Deputación Provincial de Ourense. Ourense. 2020.
Exposición antoloxica “Leopoldo Nóvoa, 1919-2019”. Museo de Pontevedra. Deputación Provincial de Pontevedra. Pontevedra. 2023.
Exposición “Leopoldo Nóvoa, o silencio dá pintura”. Museo Provincial de Lugo. Rede Museística da Deputación Provincial de Lugo.