O Museo Provincial de Lugo amplía a súa colección de Tino Grandío, con 16 novas obras cedidas por Rosendo Figueroa Dorrego
O Museo Provincial de Lugo incorpora dezáseis novas obras do pintor lucense Tino Grandío (Lousada, Guntín, Lugo, 1926 – 1977), depositadas por Rosendo Figueroa Dorrego.
Trátase de oito óleos sobre lenzo e outros tantos debuxos a tinta e augadas, representativas das distintas etapas da súa obra pictórica, desde 1950 ata 1976, un ano antes da súa prematura morte.
A cesión das obras -a través dun contrato de comodato, cunha duración de sete anos, prorrogable – concretouse este martes nun encontro no que a
vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro agradeceu “a xenerosidade da familia do pintor lucense, que xa ten cedidas outras obras ao Museo Provincial” e sinalou “este novo depósito como unha
oportunidade para reivindicar desde Lugo o legado dun dos pintores galegos máis recoñecidos internacionalmente”.
A este respecto, a directora do Museo Provincial de Lugo Aurelia Balseiro avanzou que “coa recepción das novas obras, se comezará a traballar na creación dunha sala monográfica para expoñer de forma permanente unha escolma da produción artística de Tino Grandío”.
Obras depositadas en comodato
Óleos sobre lenzo
Retrato de Ana, 1976
Sin título, 1953
Baile, 1950
Baile de Carolina, 1969
El Platero, 1960
Ría de Vigo, 1974
Florero, 1976
La Nada, 1961
Tintas e aguadas
Composición de bocetos
Baile de Carolina, 1964
Pescador mentiroso, 1964
Volta do monte!, 1964
Sobrina del pintos, 1964
Ciervo, 1966
Caballa, 1966
Os que quedamos os outros están na Lemania, 1964
As 16 obras cedidas en depósito súmanse ás 13 que conservaba o Museo Provincial de Lugo, configurando unha colección con produción de varias épocas e técnicas que amosan polo miúdo a evolución da súa obra.
Notas biográficas e sobre a evolución pictórica de Tino Grandío (Acordanzas, MpL)
As inquietudes artísticas do mozo tino Grandío recibiron a axuda dunha bolsa concedida en 1951 pola Deputación de Lugo, o que facilitou o seu traslado a Madrid, onde estableceu a súa residencia. Na capital organizou unha vida dedicada á pintura, aproximouse ás vangardas e relacionouse con importantes artistas e personaxes do momento.Recibiu varias Medallas Nacionais de Belas Artes
Para desenvolver a súa singular linguaxe pictórica Grandío desprazouse entre a figuración e a abstracción e avanzou cara a depuración da súa técnica. Nesa evolución, as liñas desdebúxanse, os contornos das figuras fúndense para dar paso ao predominio da mancha. A materia e a aridez, tan presentes nas primeiras obras, perden forza ata ser substituídas por texturas suaves, exentas de rixidez. E aos poucos prodúcese o abandono da cor saturada, propio das composicións costumistas das primeiras etapas da súa traxectoria, para acadar a madurez da súa pintura, caracterizada polo manexo dos grises ricos en tonalidades e matices.