A deputada de Cultura Iria Castro recepcionou o sestercio da caetra ou sestercio de Augusto, un acto co que se formaliza a incorporación ao Museo Provincial de Lugo desta moeda, declarada Ben de Interese Cultural en setembro de 2022 e case única xa que só se coñecen tres exemplares das súas características no mundo.
A peza foi adquirida a un coleccionista privado, polo que a súa compra supón a incorporación ao patrimonio público.
O sestercio da caetra é unha peza de bronce, de 38.07 gramos, coa cabeza de Augusto no anverso, e o escudo da caetra -escudo dos galacios presente nas esculturas de guerreiros atopadas en Galiza e no norte de Portugal- , no reverso. A falta doutros datos, as achegas ao coñecemento da moeda que se teñen realizado desde a numismática apuntan a súa cuñación no século I a.C. en talleres móbiles do campamento militar que deu orixe á cidade de Lugo.
Trátase da única das tres moedas coñecidas exposta ao público en Galiza. O outro exemplar, atopado en 2005 nunha escavación arqueolóxica en Bracara Augusta (Braga, Portugal), consérvase no Museo de Arqueoloxía Don Diego de Sousa de Braga; a outra da que se ten noticia vendeuse nunha poxa en 1968 e 1979 e o seu paradoiro actual é descoñecido.
O sestercio da caetra incorpórase á colección numismática do Museo de Lugo como parte dun lote de sete moedas, que inclúe dúas moedas suevas e catro visigodas.
Trátase de dous trientes suevos a nome de Valentiniano -un deles o terceiro exemplar coñecido con ese diseño do busto-, un triente visigodo acuñado por Sisebuto en Tui – do que se coñecen doce exemplares-, un triente visigodo acuñado por Sisebuto en Valdeorras -do que se coñecen tres exemplares-, un triente visigodo acuñado por Sisebuto en Sanabria – cinco exemplares coñecidos – e un triente visigodo acuñado por Gundemaro en Valdeorras -unicamente dous exemplares coñecidos-.
As moedas adquiridas amplían e completan a colección numismática do Museo Provincial de Lugo, formada por 10.000 moedas e medallas. O centro museístico traballa nunha reformulación da exposición permanente de numismática para mostrar o sestercio da caetra e o resto das moedas, unha vez conclúa a súa catalogación.
A deputada de Cultura Iria Castro explicou que “coa recepción, conclúe a compra da moeda que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo comezou a xestionar a finais do ano pasado, con Maite Ferreiro como responsable de Cultura, co obxectivo de incorporar ao Museo de Lugo, e polo tanto poñer
a disposición de toda a cidadanía, unha peza única, de gran valor histórico e simbólico para a cidade de Lugo e para Galiza”
Iria Castro sinalou que “o Museo Provincial de Lugo é o mellor espazo posible para conservar e expoñer á cidadanía esta moeda única, que amplía o patrimonio do propio centro museístico e da cidade de Lugo como referente internacional para o estudo da romanización» e destacou que «a persoa propietaria mostrou especial interese na incorporación ao Museo polo traballo que ven desenvolvendo nos últimos anos na conservación e posta en valor da súa colección numismática, que é unha das máis completas de todo o Estado”.