O Vello Cárcere acollerá unha mostra sobre "Fuxan os Ventos" a partir do 22 de outubro
Haberá dous actos de presentación, ás 12:00 e ás 19:00 horas, nos que os integrantes da formación tamén cantarán algún dos seus temas. Para reservar os pases é preciso chamar ao teléfono 982 297 195 ata o 20 de outubro
O grupo de música galego ‘Fuxan os Ventos’ inaugura o día 22 en Lugo unha mostra para celebrar o seu 50 aniversario.
A exposición, que leva a por título ‘Fuxan os ventos. 50 anos de historia’ inaugurarse no Vello Cárcere da cidade das murallas ás 12:00 horas.
O grupo aproveitará esta presentación para agasallar ao público cantando algúns dos seus temas.
Ás 19:00 horas haberá un segundo acto inaugural aberto a quen queira asistir.
A entrada para calquera das dúas sesión faranse mediante reserva de convite ata completar aforo.
Para reservar os pases é preciso chamar ao teléfono 982 297 195 ata o 20 de outubro.
Esta exposición nace da necesidade de celebrar os 50 anos de historia do grupo lugués ‘Fuxan os Ventos’, máis tamén da necesidade de por en valor o seu percorrido musical.
O proxecto expositivo idéase por un grupo de persoas entre os que se atopan varios membros de ‘Fuxan os Ventos’, a comisaria Sabela Fraga, a directora de arte Melania Freire e a coordinadora do proxecto Noa Díaz.
Este equipo de persoas proxecta e deseña esta mostra pensada para inaugurar no espazo do Vello Cárcere de Lugo na mesma data na que o grupo fixo a súa
primeira actuación, cincuenta anos atrás.
‘Fuxan os ventos’ ofreceu o seu primeiro concerto o 22 de outubro de 1972 no III Festival das San Lucas de Mondoñedo. Medio século despois a mostra pretende lembrar unha das agrupacións máis emblemáticas da música galega a través da ampla variedade de formatos que conforman o seu arquivo persoal.
Fotografías, carteis, instrumentos, poemas, partituras e audios inéditos son algunhas das pezas a través das cales poderemos mergullarnos na cronoloxía e no universo creativo de ‘Fuxan os Ventos’, nunha mostra que, ademais, conta coas achegas de múltiples persoas e entidades culturais do país.
Paralelamente elaborarase un catálogo da exposición, que editará o Consello da Cultura Galega e que se presentará, tamén en Lugo, coincidindo co peche da exposición. Neste, ademais dalgún traballo de análise e investigación, farase un percorrido polos elementos máis significativos da exposición.
A mostra que se presenta o sábado está coorganizada pola Xunta de Galicia e a Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo. Conta ademais coa colaboración do Consello da Cultura Galega. Promove a súa itinerancia a Rede Museística Provincial, que depende da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A mostra poderá visitarse no Vello Cárcere desde o 22 de outubro ao 22 de xaneiro de 2023: polas mañás en horario de 11:00 a 14:00 horas e polas tardes entre as 17:00 e as 20:30 horas de domingo a mércores e entre as 17:00 e as 22:30 horas de xoves a sábado.
‘Fuxan o ventos’
A orixe de ‘Fuxan o ventos’ está no III Festival das San Lucas de Mondoñedo (1972). O grupo de música gañou a cita, obtivo o galardón de 50.000 pesetas e mudou o nome, pois ao certame foron como ‘Folk 72’, pero saíron como Fuxan os Ventos, título da canción trunfadora.
Desde os seus comezos pasaron pola formación preto de 30 músicos.
En 1976 gravan o seu primeiro disco, Fuxan Os Ventos, logo seguen con Tequeleteque (1977), Galicia canta o neno (1978), Sementeira (1978), Quen soubera cantar (1981), Noutrora (1984), Sempre e mais despois (1999), Na memoria dos tempos (2002), Terra de soños (2009).
O grupo, que detivo a súa primeira etapa nos oitenta, regresou aos escenarios en 2008. Na actualidade integran a banda Antón Castro, na zanfona, mandolina e voz; Xosé Vázquez, percusión tradicional e voz; Pedro Lucas, gaita, frautas e voz; Xoán L. Fuertes Saavedra, buzuki, guitarra, violín e voz; Carmen Vázquez, voz; Tereixa Novo, voz; Maruxa Fociños, voz; Alfonso Fernández, voz, e Moncho Díaz, voz, guitarra e frautas.
Recentemente recibiron o Premio Martín Códax da Música Honorífico 2022. Desde Músicas ao Vivo, entidade organizadora dos premios, destacan que Fuxan os Ventos “non foi o único grupo galego cun alto compromiso social da época, pero si o que máis éxito acadou, chegando non só á intelectualidade galega vencellada á canción protesta e aos cantautores, senón tamén á Galicia de orixe rural”.