A Domus do Mitreo organiza visitas guiadas interactivas para coñecer os segredos do xacemento os sábados do mes de xullo
O programa ‘O Verán na Domus’, promovido polo Museo Universitario A Domus do Mitreo organiza visitas guiadas interactivas para coñecer algúns dos segredos do xacemento arqueolóxico todos os sábados do mes de xullo.
A participación nesta actividade lúdica, que se desenvolverá os días 1, 8, 15, 22 e 29 de xullo, a partir das 11.30 horas, é gratuíta co prezo da entrada.
As persoas interesadas en tomar parte nesta iniciativa deben formalizar a súa reserva previa a través do número de teléfono 610 323 926 ou ben a no enderezo de correo electrónico museomitreo.lugo@fundacionusc.gal.
A nova proposta estival deseñada desde o Museo Universitario A Domus do Mitreo do Campus Terra da USC pretende espertar a curiosidade do público que se achegue ata o xacemento.
Trátase dunha iniciativa aberta a persoas de calquera idade, que, terán a oportunidade de acadar diversos agasallos se son capaces de cumprir os retos e de
resolver con acerto as distintas incógnitas que lles traslade a guía durante a visita.
As visitas guiadas interactivas propostas nesta nova edición do programa ‘O Verán na Domus’ buscan converter ao visitante en protagonista. Así, ao longo dun percorrido de pouco máis de media hora de duración, as persoas inscritas para tomar parte nesta actividade poderán responder a un breve cuestionario sobre aspectos singulares que se poden osbervar nas instalacións do propio enclave arqueolóxico musealizado.
As persoas capaces de resolver os distintos enigmas propostos recibirán como obsequio unha bolsa de tela promocional da Domus do Mitreo, así como entradas de balde para realización doutra visita a este singular xacemento arqueolóxico do Noroeste de España, segundo indicou a directora científica do Museo Universitario A Domus do Mitreo, a profesora Dolores Dopico Caínzos.