A Domus do Mitreo, un espazo singular que fai accesible o coñecemento da historia da cidade de Lugo desde a época romana ata a contemporánea, comeza este mércores 2 de maio – de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas- o seu novo periplo como museo universitario cunha xornada de portas abertas.
O Museo Universitario A Domus do Mitreo foi posto en marcha coa triple función de difundir e valorizar un dos xacementos romanos máis visitados da capital luguesa, fomentar o interese polo patrimonio e servir de impulso e promoción da cidade de Lugo a través da realización de estudos e investigacións sobre a súa historia.
Horarios: as súas instalacións – Casas do Saber, zona Catedral de Lugo- permanecerán abertas ao público de martes a sábado, en quenda de mañá e tarde, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, e os domingos, en horario matinal, de 11.00 a 14.00 horas. En verán, as visitas en quenda de tarde poderán realizarse ata as 21.00 horas. Tamén será posible visitar este museo os días 24 de xuño, 25 e 26 de xullo, 15 de agosto, 1 de novembro, así como nas festas de Arde Lucus e San Froilán.
Estruturado en tres niveis, o vestíbulo, por exemplo, permite coñecer as distintas fases polas que pasou o soar, o xacemento ofrece diferentes elementos da época romana que van desde a domus da época altoimperial, o pano da muralla orixinal e o templo mitraico, mentres que no primeiro andar é posible facer un percorrido pola historia de Lugo desde a Idade Media ata o século XX.
Prezos entrada e visitas con guía
A entrada ao Museo Universitario A Domus do Mitreo será de balde os primeiros mércores de cada mes, agás en novembro, cando esta xornada de acceso libre se trasladará ao día 8. O prezo de visitas sen guía para membros da comunidade universitaria da USC será de 1 euros, 2 euros para estudantes e profesores alleos á USC. O custe da entrada será de dous euros para os menores de 18 anos e xubilados, mentres que a taxa xeral para adultos será de 3 euros. No caso de visitas de grupos organizados, cobrarase un euro por integrante.
Os prezos de visitas de grupos con guía presentan cambios. Daquela, a taxa xeral de en grupo será de 6 euros por persoa, unha cifra que se reduce a 5 euros para grupos de menores de 18 anos, xubilados e estudantes e profesores alleos á USC, e a 4 euros para grupos de membros da comunidade universitaria da USC.