Nova convocatoria do Certame de Narración Curta «Ánxel Fole»

     A obra gañadora será publicada por Xerais

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou a convocatoria do XXV Certame de Narración Curta «Ánxel Fole».

Nesta edición, o premio volverá ser de 4.000€, ademais de que a obra gañadora será publicada por Edicións Xerais de Galiza.

«Unha cita importante tanto para as nosas escritoras como para a lingua galega», segundo indicou Maite Ferreiro

Poderán presentarse todas as persoas que o desexen, sempre que a obra esté escrita en galego.

As obras presentadas poderán consistir tanto nunha novela curta como nun conxunto de relatos, cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 100, é dicir, entre 90.000 e 180.000 caracteres con espazos.

Cada autora poderá presentar todos os relatos que desexe, en envíos separados.

As obras poderán enviarse ou entregarse presencialmente nas oficinas da área de Cultura até o 31 de decembro. Durante o primeiro trimestre do 2023 coñecerase a obra gañadora.