O I Certame de Paisaxe Sonora, unha iniciativa a prol do fomento da creatividade organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, distingue con 900 euros, ademais de trofeos deseñados pola artista visual Montse Rego, cinco das 13 creacións sonoras presentadas a esta primeira edición dunha iniciativa coordinada por Arturo Vaquero.

A composición sonora ‘Beleza fea’, presentada por Álex Rego Teixeiro, foi a proposta mellor valorada polo xurado do I Certame de Paisaxe Sonora e acadou así o Premio conmemorativo do Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS), dotado con 350 euros en metálico e a escultura metálica de Montse Rego. 

As outras catro creacións finalistas deste certame foron ‘Lugo’, de Jesús Otero Seoane; ‘As agras’, de Roberto Hermida Lorenzo; ‘Brétema’, de Elisa Sedes Sánchez, e ‘A inspiración desde o corazón’, obra de Luis Monsalve Calvo.

O ditame do xurado, un tribunal composto polos creadores de arte sonora Arturo Vaquero e Xoán Xil, ademais d epolo deseñador sonor Marcos Maril, deuse a coñecer no marco da gala de presentación das candidaturas celebrada na Casa do Saber, o escenario no que o público presente tamén acordou repartir o importe do seu galardón entre as catro candidaturas finalistas.

O adxunto á Vicerreitoría de Organización Académica da USC, Antonio Álvarez, e a vicepresidenta da Deputación Provincial e concelleira da área de Cultura do Concello de Lugo, Tareixa Ferreiro, participarán no acto de entrega de premios, unha sesión na que todos os participantes presentes tiveron a oportunidade de presentar a explicar cadanseu proceso creativo e o obxectivo de cada unha das composición sonoras.

Foto: Gab. Com. Lugo Cultural.