O Museo Provincial de Lugo presenta unha publicación sobre María Corredoira.
O catálogo, con datos inéditos sobre a súa biografía e a traxectoria artística, recolle o traballo documental desenvolvido para a mostra retrospetiva realizada a pasada primavera
A deputada de Cultura Iria Castro participou na presentación do libro catálogo “María Corredoira”, que documenta a mostra retrospectiva realizada no Museo Provincial de Lugo a pasada primavera e o traballo de investigación desenvolvido para o proxecto expositivo dentro do programa (Re)coñecer? (Re) presentar? (Re)distribuír?.
Trátase dun catálogo razoado, coordinado pola directora do Museo Aurelia Balseiro, que, ademais de recoller inclúe apuntamentos biográficos e da traxectoria artística de María Corredoira, resultado da pescuda arquivística realizada, entre outras fontes, no arquivo do Museo Provincial de Lugo.
Entre outros aspectos, constátase que a data de nacemento da autora é o 18 de maio de 1888 -e non o 1893, como se extendeu na historiografía –, así como a súa vinculación con Xiá, no concello de Friol, de onde era orixinario o seu pai, Alfredo Corredoira Ruíz.
A publicación, que inclúe tamén unha bibliografía que recompila os traballos realizados sobre a artistas, supón así unha importante achega ao estudo e á difusión da obra dunha das autoras máis destacadas da arte galega do século XX e pioneira na docencia artística e na incorporación ás institucións representativas da arte galega, como a RAGBA.