A artista lucense Sara Cruz estrea canción – Xoias d’auga
Adéntrase por primeira vez na música tradicional 

Coñecida, e recoñecida, na escena musical por ser a cantante de Muddy Doll ou dos Cozorellos Salvaxes, ademáis da súa labor como profesora de canto do Orfeón Lucense ou na escola musical Fábrica de Sons, Sara Cruz acaba de publicar unha canción que supón a súa estrea no mundo da música tradicional: «Xoias d’auga». Falamos con ela sobre este chimpo na súa carreira.

Xoias d’auga, é o inicio dunha carreira no tradi ou é algo puntual?

SARA: A verdade é que tiña ganas de experimentar co tradi porque foi co que empecei de pequena, no colexio, grazas a miña profe de pandeireta Marisa… Nunca tiven tempo, é agora, pois é o que hai. E non o vexo como algo puntual, é un proxecto co que estou desfrutando moito agora mesmo e teño ganas de seguir probando

Todo é da túa autoría: composición musical, letra, videoclip. Con que parte desfrutas máis?

SARA: Coa parte que máis desfruto é facendo as armonías das voces, aínda que facer as animacións dos vídeos tamén é divertido.

Sara Cruz cantando con Muddy Doll no San Froilán 2019
Sara Cruz no pasado San Froilán.

Só voces, percusión con culleres e algo de auga de fondo dan forma a unha xoia de canción tradicional que a raíz do primeiro videoclip foi «rematada» con arranxos polo tamén lucense Daniel Díaz Rodríguez 

Cómo xurdiu, cómo foi a colaboración con Daniel?

SARA: Dani e eu somos amigos, de feito aprendín un montón de música grazas a el a moitos niveis. Falamos polo whatsapp de facer cousiñas e pregunteille se me podía axudar e xurdiu así, de casualidade. Él fixo ese arranxo tan bonito, que era xusto o que eu precisaba e buscaba. É xenial traballar con él. E espero seguir facéndoo.

Seguiremos vendo – escoitando – á Sara Muddy Doll (rock), Sara Orfeón (coral), á Sara Cozorellos Salvaxes (infantil) ademáis desta Sara Cruz e súa «carreira» en  solitario? Cal desas Sara é a máis Sara? 

Esta pregunta é moi difícil… Porque depende do momento. Para min cada proxecto no que estou é unha parte importante de min aínda que supoño que o que fixen últimamente é máis persoal… Non sei. O que teño moi claro é que son moi dispersa, xa mo dicían os meus mestres na secundaria, que era demasiado dispersa.

Pregunta obrigada polo futuro musical (persoal, do sector…) Cómo o ves?

O futuro véxoo moi tormentoso, pero iso non é novidade. As disciplinas creativas, artísticas e culturais están moi infravaloradas e desprotexidas no noso país. De sempre, a situación actual só o puxo de manifesto. Pero no contexto no que estamos, moitos ámbitos laborais están en risco, non só a música. Temos que esixir medidas para toda a sociedade que se atopa nesta situación, é momento de unirse e superalo de forma conxunta, non de xerar divisións segundo os ámbitos laborais, a clase traballadora estamos no mesmo bando. Falando da música de xeito específico, penso que forma parte da identidade das persoas e que alimenta a alma, así que é imposible que morra por unha crise económica. Os que amamos a música, facémolo de maneira incondicional e imos tirar dela.