ADEGA estrea web sobre ecoloxía para pasar a corentena

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza – ADEGA – ven de lanzar a web https://euficonacasa.adega.gal con unha chea de Eco-ideas ou propostas de actividade relacionadas coa ecoloxía e co coidado ambiental, ou material divulgativo de diferentes proxectos e experiencias sustentables que pretenden preservar e dar a coñecer, tanto o patrimonio natural, como o patrimonio cultural de Galiza. Alén das Eco-ideas de ADEGA, este URL contén tamén aquel material divulgativo ou recursos externos procedentes de entidades colaboradoras.

Este repositorio web acolle materiais en diversos formatos: vídeos-obradoiro, fichas de actividades, fichas de identificación de flora e fauna, lecturas recomendadas, páxinas web sobre proxectos de interese, manuais, etc. Os materiais clasifícanse tamén segundo o tipo de destinatarios, identificando aqueles recursos que están recomendados para todos os públicos ou para niveis educativos de primaria ou secundaria.

Calquera persoa ou entidade que queira contribuír coa súa achega ou recurso a esta campaña tamén o pode facer enviándonos a proposta a través da web de Eco-ideas de ADEGA: https://euficonacasa.adega.gal/envia-a-tua-ecoidea/