Decembro 2019 A área de Cultura organiza, durante o Nadal, unha programación de actividades de xogo libre e espectáculos de teatro, música e monicreques dirixida ás máis pequenas e pequenos da casa baixo o nome Brinquedos de Nadal. A área de Cultura escolleu a Caixa Negra para que as nenas e nenos menores de 6 anos compartan as tardes do Nadal con nais, pais, avoas e avós.
“O MIHL é un edificio moi interesante para organizar de actividades culturais, debido á singularidade da súa arquitectura”, declarou Maite Ferreiro, que engadiu “dende a área de Cultura estamos a traballar para traer actividades ao MIHL durante todo o ano, e así convertelo nun punto de referencia da cultura da cidade, ademais dun reclamo turístico”.
As actividades dos Brinquedos de Nadal son de balde, con entrada libre ata completar a cabida. Pode solicitarse máis información no MIHL: 982 297446.
23 decembro – De 17:00 h a 20:00 h – Espazo de xogo libre. Pausa ás 18:30 h para a actuación de Pablo Díaz con ‘Coas miñas mans’.
26 decembro – De 17:00 h a 20:00 h – Espazo de xogo libre. Pausa ás 18:30 h para a actuación de Inacio Vilariño con ‘O castiñeiro do apalpador’.
27 decembro – De 17:00 h a 20:00 h – Espazo de xogo libre. Pausa ás 18:30 h para a actuación de Mamá Cabra con ‘Obradoiro de arrolos’.
30 decembro – De 17:00 h a 20:00 h – Espazo de xogo libre. Pausa ás 18:30 h para a actuación de Trotaventos con ‘Cantacontos a carón da fiestra’.
2 de xaneiro – De 17:00 h a 20:00 h – Espazo de xogo libre. Pausa ás 18:30 h para a actuación de Paco Nogueiras con ‘Radio Bulebule’.
3 de xaneiro – De 17:00 h a 20:00 h – Espazo de xogo libre. Pausa ás 18:30 h para a actuación de Xarope Tulú con ‘O Cardume’.
Proxecto Apego
Despois de duplicar o número de familias inscritas durante o San Froilán, a área de Cultura volverá poñer un posto de información sobre o proxecto Apego no MIHL, durante os Brinquedos de Nadal. Co proxecto Apego quérense implicar as familias na valoración positiva da lingua propia. Para isto as súas diferentes fases axudarán a tecer redes de apoio para a transmisión do galego como idioma de relación, descuberta do mundo e identificación coa familia e coas raíces, co propio.
Os obxectivos do programa Apego son, por unha banda, incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que adquiren o galego como lingua inicial e, por outra, promover que o usen de maneira habitual e que teñan espazos, situacións e recursos para facelo, polo que incluirá accións dirixidas ao ámbito familiar e social das crianzas ata os seis anos e cun método de continuidade que se irá enriquecendo en rede, coa colaboración de todos/as.