Entrevista con Sara Nebra realizada por Julia Lacleta Busto

“TEÑO BASTANTE ANSIEDADE E DINME CONTA DE QUE A TIÑA NO CONFINAMENTO PORQUE ESTABA VIVINDO DUNHA MANEIRA NA QUE NON PARABA”

Sara Pérez Cruz, cantante do grupo Nebra.

Sara Pérez Cruz: muller multidisciplinar, aínda que ela fale diso con modestia, achéganos a súa realidade como cantante e compositora do grupo Nebra, como lucense dentro do mundo da cultura e como persoa atravesada pola ansiedade.

Atopámonos pola mañá nunha cafetería preto da muralla, co son dos inicios das festas patronais do San Froilán. Aínda que nos coñecíamos de
coincidir nos concertos de seu grupo Nebra, eu como apaixonada fan deles, foi un privilexio reunirnos esas dúas horas. Xusto momentos antes da súa presentación dos Martín Codax (premios da música galega).
Espero que esta entrevista vos achegue un cachiño máis a quen é ela.

Empezamos un pouquiño forte: pódeseche definir como unha muller emerxente no panorama galego/lucense musical?

Uf, a ver, é que eu intento facer o que podo porque eu do que quero vivir é disto, de tocar, pero agora mesmo vivo de dar clases de canto, e o outro é máis complicado.

Eu noto que en Lugo a xente coñéceme máis, por outras cousas que fixen no pasado e pola miña traxectoria, pero a nivel galego non me coñecen tanto. A xente está empezando a coñecerme máis agora, por exemplo, os Martín Codax é unha oportunidade moi boa, agora polo menos saben quen son. Porque antes eu chamaba para cousas, axencias de representación de management, para falarlles do proxecto e non lles interesaba ou dicíanme incluso: “es de Lugo!” Varias axencias da Coruña dixéronme iso, que ao ser de Lugo é peor… pero non sei porque me dixeron iso.

Eu considero que o meu traballo é compoñer, tocar, pero o labor de vender a moto teno que facer outra persoa. Non teño por que saber facer iso e na industria é importante. Escoita a música e despois cóntasme. E por riba o proxecto de Nebra é un pouco difícil de describir… A xente dime “ah, un rollo como Tanxugueiras ou Laura LaMontagne” (que é de Lugo). Ou sexa, si que ten unha parte de raíz que é importante, pero non é igual. É moi esgotador.

Sara Pérez Cruz durante o concerto de Nebra no San Froilán 2022

E, en relación a iso, cres que é verdade que en Lugo non se fan cousas? Está a mítica frase “en Lugo nunca pasa nada”.

Si que é certo que Lugo se está abrindo máis pero houbo un tempo en que si custaba que houbera xente que viñera facer cousas. O problema que houbo aquí sempre é a visibilidade dos eventos. Ou estás metido no rollo, ou non te enteras. Por exemplo, o Clavicémbalo, a sala de concertos, ten unha aplicación para enterarte do programa que ten. Agora empézase a saber. E a axenda Viva Lugo fai un labor que flipas, eu entérome de case todo por eles. Outro exemplo: a programación de teatro do auditorio Gustavo freire, ti cando te enteras de que hai algo? De feito, soamente se enteran pola zona da Milagrosa porque está preto do auditorio, pero igualmente ten que chegar ao centro e a máis sitios…

En Lugo agora hai moitas cousas e hai de calidade; hai un pouco de todo… E hai anos tamén había cousas, pero non había difusión, visibilidade. Está empezando a cambiar agora.

Nebra en concerto no San Froilán 2022

Por outra banda, a túa formación oficial non está tan especializada na música, non? Senón en deseño e debuxo.

Eu fixen deseño gráfico e animación audiovisual e logo estiven traballando aquí no Progreso, entre outras cousas. Eu ía a clase de canto e todo, pero foi cando empecei na Rock School, que foi unha cousa recoñecida. Agora estou facendo profesional de conservatorio porque é importante ter o título ao final para ter as saídas profesionais que me interesan; traballar de profesora porque é o máis estable. Pero eu cantaba dende pequena e era pandeireteira. Os meus inicios musicais foron autodidactas e logo funme formando.

E actualmente onde te podemos atopar traballando entón?

Dando clases de canto, en Fábrica de Sons, por exemplo. Traballo como profesora de canto dende hai seis anos. No conservatorio estiven facendo unha charla pero agora vou alí a estudar.

Nunha entrevista defíneste como “dispersa” e probablemente teña moito que ver… Cres que dentro do mundo da cultura hai moitas persoas “dispersas”?

Si, pero penso que as que son máis brillantes é a xente que está moi centrada nunha cousa concreta porque ao final se te dedicas a algo máis concreto tes máis resultados… Eu son así, non o podo evitar. Eu céntrome moito na voz, poño moitas enerxías na voz porque foi polo que apostei sempre. Pero, claro, eu son moi dispersa pola inquietude, quero aprender todo o que poida, non teño prexuízos cos xéneros. Creo que hai que ser versátil e o de Nebra é a cousa que fago máis concreta, máis propia de min…

Nebra en concerto - San Froilán 2022

Estas pasadas semanas deches tres concertos con Nebra xunto con Ángel Boquete e Rodrigo Muñoz, estás apostando por este proxecto?

Estou intentando que todos os esforzos vaian aí, si. No Orfeón Lucense si que estou facendo proxectos que me interesan, o ano pasado cantei no festival de Órgano, o que para min é a hostia. Pero non me supón unha dedicación diaria porque é un colectivo, pero en Nebra teño que facer moitas cousas: compoñer, ensaiar… é moito tempo.

Ademais teño un dúo chamado Mustélidos (voz e guitarra) no que facemos versións, pero é un proxecto dedicado a eventos, tipo vodas e ese tipo de cousas. É un pequeno formato fácil de mover, de ensaiar… e os grupos dan máis traballo: xuntarse, atopar o espazo, etc.

Vas tocar con Nebra no San Froilán como teloneiros de Bronquio (Santiago Gonzalo) e Rocío Marquez e ambos grupos compartides a fusión coas raíces, o tradicional, aínda que o xénero sexa diferente. Que mais cousas cres que compartides?

Eu penso que nos puxeron xuntos un pouco por iso da fusión. Eu a Bronquio non o coñecía, a Rocío Marquez si. De feito, ten unha tese sobre a técnica do flamenco. A min o flamenco flípame como estudo, claro, porque o flamenco é moi complicado e ela ten un traballo moi moi completo… Eu admíroa moitísimo. E ao mellor é por iso, porque é un proxecto liderado por unha muller e ademais é moi aberta, colaborou con moitos grupos como Derby Motoretas Burrito Cachimba. Non ten prexuízos de nada e eu creo que é como hai que facer, estar aberto, non ser puristas. A parte de mestura, como ela, está aí. Tocar con ela faime moita ilusión porque, claro, ti non coñeces a persoa, a ela neste caso, pero a conexión co seu traballo, tamén con como a coñeces polas redes e o seu contido, a súa música, está aí.

Respecto a Nebra foi un proxecto que empezou no 2020 durante o confinamento e a vosa primeira aparición nos escenarios foi co Proxecto Lorca. Como foi todo o proceso de creación deste proxecto?

Cando estabamos na cuarentena quixen cantar cousas de tradi porque levaba anos sen cantar iso e fixen un arranxo de varias tradicionais, graveime na casa e despois compuxen ‘Xoias da auga’. De feito, a percusión está feita cunha aplicación do móbil (ri tocando coa punta do dedo a pantalla do móbil) e o arranxo de guitarra é de Daniel Díaz Rodríguez, que tamén masterizou a canción.

Xa tiña varias melodías compostas pero con Ángel, o baixista, dixemos imos probar e xusto xurdiu o evento do Proxecto Lorca. Falei con Rodrigo, o percusionista, e moloulle o que lle pasei. Foi a raíz do de Lorca basicamente polo que ‘Danza da Lúa en Santiago’ foi creada, e pola cadencia e o ton do poema de Lorca saíu moi orgánico e natural. Foi moito traballo de grupo aínda que partira da miña idea orixinal.

Entón foi algo colaborativo. E quen fai os deseños do grupo e as animacións?

Os vídeos como rotocospia fíxenos eu, durante o confinamento, pero a imaxe de Nebra quería que a fixese outra persoa, para facelo máis rico. E foi Boris Edrosa quen a fixo. As imaxes son moi frías, escuras. Gústame moito a visión que lle deu. E o mesmo coas fotos de Iván Mouronte; deulle a súa visión persoal. Ou sexa, para min Nebra o considero un grupo, é o meu proxecto pero somos unha banda. A min gústame traballar en conxunto para que lle dean unha volta ao que eu fago porque ao final así é moitísimo mellor, apréndense moito máis.

Sara en concerto con Nebra - San Frolán 2022

E outro tema…nun concerto explicaches que te atopas moi interesada nas cuestión de saúde mental. Que peso ten iso actualmente para ti na túa carreira musical e creativa?

Cando compoño cousas é por movidas que me interesan ou que me empuxan a facer algo, e o da saúde mental aféctame a min directamente. Eu teño bastante ansiedade e dinme conta de que a tiña no confinamento porque estaba vivindo dunha maneira na que non paraba, e foi cando parei que eu dixen: aquí algo falla. Estaba súper desconectada da realidade, estaba facendo tantas cousas que non tiña tempo nin para saber como estaba eu… E cando me reincorporei ao traballo empecei a ter palpitacións, ataques de pánico, e empecei a ir ao psicólogo, que nunca fora. Antes fun ao médico e déranme pastillas, nin sequera me mandaron ao psiquiatra. Se non podía durmir nada tomaba unha, pero o que si empecei a facer foi vaporizar lavanda porque é un relaxante natural. A verdade é que flipas co efecto. De feito, deume un ataque de pánico, e foi a psicóloga quen me dixo que fora iso… Eu pensaba que morría; foi no conservatorio. E teño moitos amigos con ansiedade e depresión. Xusto cunha amiga axudámonos moito porque ela xa tiña ansiedade de antes. Disto non se fala, e por iso eu intento facelo. Na miña música inflúe moito porque eu xa teño esa parte moi visceral, e xa polos xéneros que me gustan, como Hedningarna, que Nebra ten moito deles.

Hai unha semana celebrouse un encontro da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural en Boiro, e falouse da precariedade e a saúde mental no mundo da cultura. Que che gustaría dicir sobre iso?

Dedicarse á cultura alimenta a mente das persoas, por resumir. Cando ti te dedicas a iso non o fas por cartos ou por supervivencia, falo porque queres, porque valoras o que pode facer a cultura a nivel social; facer pensar, ser conforto para a xente… E canto ti te dedicas a iso e tes paixón por iso, vívelo moito. Logo o que te atopas a nivel laboral é esa precariedade, esa ignorancia do que é a cultura. Porque moita xente entende que a cultura é como pagar unha festa ou un concerto de música clásica. Estás loitando con iso constantemente xunto coa precariedade. O que eu estou facendo ten un valor socia, pero a xente non o sabe ver e por riba cústache vivir diso. É moi inestable. É algo que fas porque cres niso. Tes que facer moito labor de difusión, explicar constantemente todo o tempo, tes que pedir permiso ou perdón. Estás a proba todo o tempo, a xente valorando se es bo ou non… E iso é moi duro.

Qué cres que necesita o mundo da cultura para mellorar esa situación? Ou sexa, os axentes culturais como: artistas, produtores, xestores…

Ao mellor a nivel institucional ten que haber unión nos gremios, a nivel asociativo, e establecer redes. E no mundo dos músicos igual, a xente que se dedica a programar concertos de xeito privado e non é xestor cultural, a veces fan as cousas porque queren e poden, e tamén deberían estar metidos na cultura local, ver o que quere a xente e investigar un pouco. Isto é algo que pasa en Lugo. Infórmate ben do que hai ao teu redor, págalles aos grupos o que piden, non tardes seis meses en pagar ou un ano porque estás formando parte desa precariedade.

Entrevista realizada por Julia Lacleta Busto @musgointerrogante