VIII concurso de fotografía Estampas de Paz e Acougo. O certame premiará tres fotografías con 600, 400 e 200€.

A Concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, presentou unha nova edición do concurso de fotografía Estampas de Paz e Acougo, organizado anualmente polo Goberno de Lugo. 

Cristina López destacou que “este concurso é xa unha cita marcada no calendario das fotógrafas e fotógrafos de Lugo e na programación anual do cemiterio”.

Temática.

Dentro do arte funerario, na súa máis amplia expresión, a temática versará sobre a simboloxía das construcións funerarias e do patrimonio inmaterial que incorporan relacionadas coa carga emocional que transmiten, así como a especial visión da morte nos cemiterios rurais.

Nesta ocasión cincunscríbese ao ámbito xeográfico do Concello de Lugo, abranguendo tanto o Cemiterio Municipal de San Froilán como os cemiterios parroquiais existentes.

Obras

– Cada participante poderá presentar un máximo de tres fotografías inéditas e orixinais para este evento, non podendo estar publicadas en calquera medio con anterioridade á data de convocatoria.

– Cada fotografía achegarase impresa en soporte ríxido (cartón pluma ou similar) en formato 30 x 40 cm ou superficie equivalente aproximadamente. Cada fotografía irá acompañada do seu arquivo dixital.

– A persoa concursante indicará o título que decida darlle a cada fotografía ou dun texto para incluir nun posible catálogo ou recopilatorio, no seu caso (máximo de 20 palabras en galego).

– As fotografías poderán ser en cor ou branco e negro.

– As obras que se presenten ao concurso irán acompañadas ademais dun arquivo dixital da fachada do cemiterio do que procedan, indicando a súa denominación e localización.

Presentación.

Os traballos presentaranse nas oficinas da Sección de cemiterio ubicadas no Centro de Servizos municipais, ou por correo certificado, ata as 14 horas do día 3 de novembro.

Premios.

Primeiro premio, dotado de 600 euros.
Segundo premio, dotado de 400 euros.
Terceiro premio, dotado de 200 euros.

Consulta as BASES COMPLETAS E OFICIAIS no BOP de Lugo do 10 de outubro de 2022.