A área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua acaba de anunciar a segunda edición do ciclo de concertos Muralleando, que este ano terá lugar na carpa da praza da Soidade, a partir das 20:30 dos venres e sábados entre o 30 de xullo e o 11 de setembro, e contará con 12 grupos de Lugo de distintos estilos.
Maite Ferreiro lembrou que “desde a área de Cultura organizamos o Muralleando ano pasado cando se comezaron a permitir os paseos pola rúa, co obxectivo de animar con música os distintos paseos das veciñas e veciños ao redor da Ronda da Muralla e ao mesmo tempo colaborando co tecido cultural local, que vira anulados moitos eventos”.
O Muralleando 2021 contará cada día cun grupo local, tratando de achegar distintos xéneros para, segundo Maite Ferreiro, “continuar a promocionar a gran calidade e diversidade dos grupos locais mentres facilitamos que todas as veciñas e veciños poidan acudir a un concerto que coincida cos seus gustos musicais”. O acceso aos concertos será libre ata completar a cabida do recinto.
A área de Cultura complementa así a programación cultural do verán:
- tardes do xoves: «Tarde e Tardiña»
- sábados e domingos: «Muralleando»
- domingos: «Mostra de vellos oficios artesáns»
Concertos Muralleando 2021
- Venres 30 de xullo – Airiños da Freba
- Sábado 31 de xullo – Fruit Juzz
- Venres 06 de agosto – Wicked World
- Sábado 07 de agosto – Funkombo
- Venres 13 de agosto – Muddy Doll
- Sábado 14 de agosto – Os Picorruchos
- Venres 20 de agosto – Iria Estévez
- Sábado 21 de agosto – Galyrion
- Venres 03 de setembro – A volta do Agro
- Sábado 04 de setembro – The Wireless
- Venres 10 de setembro – Lacón con Grelos Blues Band
- Sábado 11 de setembro – Tango en Xaneiro