O Concello de Lugo, a través da área de Mercados e Industria, pon en marcha unha programación estable de actividades infantís no Mercado Municipal, que se desenvolverá ao longo do curso ata o mes de xullo.
A iniciativa ten como obxectivo ofrecer novas propostas de ocio e actividades para os nenos e nenas da cidade, ao tempo que contribúe a dinamizar o Mercado Municipal e achegalo ás familias, facendo deste espazo un lugar máis activo e participativo.
As actividades están dirixidas a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos e desenvolveranse os sábados, en dúas quendas, de 11:00 a 12:30 horas e de 12:30 a 14:00 horas. Cada quenda contará con 20 prazas e a participación será gratuíta e sen inscrición previa, asignándose as prazas por orde de chegada.
A concelleira de Mercados e Industria, Silvia Colmenero, sinala que esta programación responde tamén á vontade do Goberno municipal de crear
actividades pensadas para os máis pequenos ao longo de todo o curso, ofrecendo ás familias alternativas de ocio e, ao mesmo tempo,
favorecendo que os nenos e nenas coñezan e se acheguen ao Mercado Municipal.
A iniciativa permite así combinar actividade infantil e dinamización comercial, contribuíndo a xerar maior movemento neste espazo e a reforzar a súa condición de punto de encontro para a cidadanía.
Programación de setembro:
5 de setembro: Obradoiro de creatividade: Xogando coas cores.
12 de setembro: Obradoiro de cociña: Fajitas ao estilo César.
19 de setembro: Obradoiro de reciclaxe: Personaxes creativas.
26 de setembro: Obradoiro de creatividade: O noso propio chaveiro.
Todas as actividades terán lugar no Mercado Municipal de Lugo, na rúa Quiroga Ballesteros, e serán gratuítas.






