Un artículo de Luisa Varela. Fotos: Marcos López
Unha vez máis, Lugo despediu o verán entre guitarras, cancións, luces e miles de persoas no Caudal Fest. Durante dous días, nos Xardíns do Pazo de Feiras e Congresos conviviron a nostalxia, o pop, o indie, o rock, a electrónica e, por riba de todo, as ganas de celebrar a música en directo.
O festival volveu apostar por unha fórmula que xa é unha das súas principais virtudes: un cartel capaz de conectar xeracións diferentes sen perder de vista as novas propostas.
Lisdexia encargouse de abrir o festival cunha proposta directa e cargada de enerxía. O Caudal non pode medirse unicamente polos seus cabezas de cartel: unha parte importante da súa identidade está precisamente nestas bandas que aproveitan os primeiros horarios para reivindicarse diante dun público novo.
Despois chegou Duncan Dhu, un dos momentos máis evidentes de conexión coa memoria musical. Mikel Erentxun e compañía levaron ao escenario un repertorio cargado de cancións que forman parte do imaxinario colectivo de varias xeracións. Foi un concerto no que a nostalxia deixou de ser simplemente lembranza para converterse en celebración compartida.
Se tivese que escoller un dos momentos máis especiais do venres, probablemente quedaría con Love of Lesbian.
A banda ten esa capacidade de facer que un concerto pareza, por momentos, unha conversación colectiva. As cancións van sucedéndose e o público responde como se estivese cantando a banda sonora da súa propia vida.
Houbo saltos, abrazos, teléfonos levantados no aire e moitas voces acompañando a Santi Balmes.
Pero sobre todo houbo emoción.
E esa é unha das cousas que máis valoro dun festival: que unha actuación multitudinaria non perda a capacidade de parecer próxima.
Se Love of Lesbian conectou especialmente coa emoción, Dani Fernández fíxoo coa enerxía. O artista mostrou por que se converteu nun dos grandes nomes do pop estatal actual. O recinto transformouse nun enorme coro e as cancións foron sucedéndose entre saltos, teléfonos móbiles no aire e miles de persoas cantando cada palabra.
É difícil medir o éxito dun concerto unicamente pola súa calidade musical. Hai outro indicador: a conexión. E a conexión de Dani Fernández co público foi evidente. Especialmente co público máis novo, que atopou nel un dos grandes protagonistas dunha noite que aínda tiña moitas horas por diante.
Niña Polaca e Kike Varela completaron unha xornada na que o Caudal confirmou unha das súas principais virtudes: non obrigar o público a escoller entre unha única forma de entender a música.
Se o venres apostaba por unha mestura especialmente equilibrada de nostalgia e actualidade, o sábado presentaba unha maior variedade estilística.
Músculo! achegou unha das propostas máis experimentais do festival. O seu carácter sensorial e envolvente ofrecía unha alternativa interesante dentro dun cartel dominado polo pop e o rock. Quizais o horario non fose o máis favorable para unha proposta deste tipo, pero precisamente aí reside unha das virtudes de programar diversidade: obrigar o público a saír, aínda que sexa durante uns minutos, da súa zona de confort.
Marlon, pola contra, non precisou ningún exercicio de risco. Desde os primeiros acordes conseguiron conectar inmediatamente cun público que coñecía as súas cancións e que estaba disposto a cantar e bailar.
Pero o sábado gardaba algúns dos momentos máis interesantes da edición.
Zahara puxo sobre o escenario unha proposta máis persoal e sofisticada, demostrando unha vez máis que o seu universo musical ten unha personalidade propia dentro do panorama estatal. O seu concerto funcionou como contrapunto perfecto á festa máis directa doutros artistas do cartel.
E despois chegou Melendi.
O asturiano protagonizou un dos grandes momentos populares do Caudal Fest 2025. O seu concerto converteuse nun exercicio de memoria colectiva: cancións que pertencen xa a varias etapas da música española foron recibidas como auténticos himnos. Houbo pouco espazo para a distancia e moito para o karaoke multitudinario.
Porque probablemente esa sexa unha das grandes claves do Caudal: entender que un festival non ten por que escoller entre a calidade musical e a capacidade de convocatoria. Ás veces poden convivir.
Se Melendi representaba a memoria máis popular, The Rapants e Carolina Durante achegaron o presente máis inquieto do festival.
Os galegos demostraron novamente que son unha das bandas que mellor están aproveitando o momento actual da escena galega. O seu directo transmite frescura, espontaneidade e unha capacidade especial para converter un concerto nunha festa.
E con Carolina Durante chegou un dos momentos máis eléctricos do sábado.
A banda madrileña representa esa xeración que recuperou a esencia máis inmediata do rock e do punk para levala a un público novo. O seu paso polo Caudal confirmou que o festival tamén ten ollo para os nomes que están marcando o presente da música alternativa estatal.
Finalmente, Alcalá Norte e Elyella encargáronse de conducir o público cara ao final. O primeiro, unha das grandes revelacións da nova escena, achegou o seu particular universo post-punk; os segundos puxeron o punto final cunha sesión pensada para manter a pista en movemento ata o último minuto.




































