FEB 2018 Os retos e as posibilidades da educación no rural centra a temática da primeira sesión dos ‘Encontros de Lúa Chea’, un foro de análise e debate sobre temas de actualidade promovido polo colectivo Proxéctate en Galego e que botará a andar a súa programación de 2018 o vindeiro mércores 7 de febreiro, a partir das 20.00 horas, na cafetería da Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra da USC.
Nesta ocasión, intervirán como relatores o profesor e investigador de Teoría e Historia da Educación na Facultade de Formación do Profesorado da USC Francisco Xosé Candia Durán e a directora do CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero, Camino Pereiro, quen vén de ser finalista na última edición dos premios Educa na categoría Mellor Docente de Primaria.
A elección deste tema de debate, obedece, segundo indican os organizadores, á actual situación da educación pública no ámbito rural, así como ao feito de que parece que falar de acción educativo-escolar no mundo rural é facelo de crise e dificultades. Lonxe de abondar nesta idea, os relatores convidados a participar neste debate pretenden dar visibilidade ás iniciativas de innovación pedagóxica e cooperación que se desenvolven comunidades educativas asentadas en zonas rurais, pero moi implicadas e activas.
O importante cometido como servizo público que desenvolve a escola no medio rural é outro dos aspectos sobre os que pretende poñer o acento este foro, que é de asistencia libre e de balde ata completar o aforo.
Encontros de Lúa Chea, baixo o título ‘A educación no rural: retos e posibilidades’
Mércores, 7 de febreiro de 2018. Cafetería da Facultade de Formación do Profesorado. Lugo
Hora: 20.00 horas