Aberta a inscrición no Maratón Fotográfico do Campus de Lugo.
O certame artístico promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural repartirá 900 euros en premios entre as tres imaxes máis valoradas polo xurado.
O Maratón Fotográfico do Campus de Lugo, un certame artístico promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, celebra a súa vixésimo novena edición o vindeiro 22 de outubro.
A inscrición é gratuíta para e está aberta a persoas maiores de 18 anos, que deberán remitir o formulario xa dispoñible en liña ao enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es antes das 13.00 horas do 18 de outubro, tal e como se recolle nas bases do certame.
O XXIX Maratón Fotográfico do Campus repartirá 900 euros en premios entre as tres imaxes máis valoradas polo xurado dun certame que está estruturado en tres categorías.
O premio Carlos Valcárcel, a través do que se lembra a figura e a obra artística deste senlleiro fotógrafo lugués da Galicia do século XX e que conta cunha dotación económica de 350 euros, ademais de trofeo e diploma, distinguirá a mellor fotografía. Asemade, a organización do certame outorgará o premio Eduardo Ochoa, dotado con 300 euros en metálico, trofeo e diploma, á mellor fotografía do tema proposto.
A modalidade de temática libre contempla asemade un galardón de 250 euros, ademais de trofeo e diploma.
O xurado do XXIX Maratón Fotográfico do Campus, que fará público o seu ditame no marco dun acto público que se celebrará o 6 de novembro, escollerá tamén 12 das imaxes presentadas a concurso para ilustrar o calendario do Lugo Cultural 2024, ao tempo que decidirá as 20 instantáneas que integran a exposición que se inaugurará ese mesmo día.
O XXIX Maratón Fotográfico do Campus de Lugo desenvolverase o 22 de outubro, a partir das 9.30 horas, cando todas as persoas previamente inscritas deberán darse cita na Casa do Saber de Lugo para recibir as pertinentes indicacións da organización e coñecer o tema proposto polo xurado desta edición do certame.
Os participantes inscritos que non se presenten nesta sesión só poderán concorrer na sección temática proposta polo xurado.
O prazo de entrega do material fotográfico presentado a concurso permanecerá aberto ata as 10.30 horas do 23 de outubro. As persoas participantes deberán enviar as súas respectivas propostas creativas ao enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es .