O Executivo Provincial e Accem ofrecen ao longo desta semana na capital lucense unha charla a cargo dun refuxiado, a proxección dunha longametraxe, unha exposición de fotografías, así como mesas temáticas en librarías e bibliotecas

Xuño 2018 O Executivo Provincial súmase aos actos organizados por Accem Lugo con motivo do Día Mundial dos Refuxiados, que se celebra este vindeiro mércores, 20 de xuño.  A Deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo subliñou que “dende as institucións públicas temos que comprometernos a axudar a todas estas persoas que, por culpa da violencia e da guerra, vense obrigadas a fuxir dos seus fogares para salvar as súas vidas e atopar novas e mellores oportunidades para as súas familias. Con esta programación de actividades, totalmente gratuítas, dende o Goberno da Deputación e Accem, queremos visibilizar o grande problema co que contamos na actualidade en Europa, e sensibilizar á poboación sobre a realidade dos refuxiados, pois un testemuño, unha fotografía, a literatura ou o cine son ferramentas e instrumentos de cambio social”.

Charlas, películas, fotografías e libros
Deputación e Accem ofrecen, durante os días 20, 21 e 22 de xuño, diferentes actividades enmarcadas na programación con motivo do Día Mundial dos Refuxiados. Durante estes días estarán dispoñibles en librarías e bibliotecas da cidade de Lugo mesas temáticas con libros sobre migración, asilo, refuxiados, entre outras materias, así como información sobre as actividades promovidas polo Executivo Provincial e Accem. Os participantes son: Biblioteca Pública Municipal de Lugo, Trama, Tótem, La Voz de la Verdad, Balmes, Lectocosmos, Biblos, El Faro de los Tres Mundos, Soños de Papel, Aguirre, Biblioteca Pública Provincial de Lugo.

Tamén, ao longo da semana proxectarase no MUPI de San Marcos unha exposición do fotógrafo argelino Mohamed Said hamdad, beneficiario do programa internacional de Accem. O venres 22, para clausurar a semana do refuxiado, proxectarase unha película no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, co que se busca sensibilizar á sociedade sobre a realidade que atravesan as persoas refuxiadas e migrantes hoxe en día. A película que se emitirá será La buena mentira. Tras o debate sobre o filme, unha persoa solicitante de protección internacional ofrecerá unha charla sobre a súa experiencia persoal.

Accem
Accem é unha organización sen ánimo de lucro de ámbito estatal, cuxa misión é a defensa dos dereitos fundamentais, a atención e o acompañamento ás persoas que se atopan en situación ou risco de exclusión social. Esta entidade, composta por un equipo humano de máis de 2.200 persoas, está especializada en refuxio e migracións, traballando en prol da inclusión e a igualdade de dereitos, deberes e oportunidades de todas as persoas, con independencia da súa orixe, sexo, raza, relixión, opinións ou grupo social.