Maxia, conferencias, exposicións, obradoiros, teatro, cine e andainas conforman a oferta do Concello para os vindeiros días
Maio 2018 Un ciclón de actividades culturais e lúdicas para todos os públicos deixarase notar esta semana en Lugo, ben sexa organizadas ou promovidas polo Concello, ben promovidas por outras entidades e empresas. Das do concello ven de dar conta a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen convidou á veciñanzan a participar nalgunha das alternativas preparadas para esta semana do 07 ao domingo 13 de maio e que van dende a maxia a andainas, pasando por conferencias, exposicións obradoiros, teatro e cine.
A maxia desbordará ao longo de todos os días da semana a cidade. En concreto, a XV Semana Internacional de Maxia – Lugo Máxico, recoñecida a nivel Europeo, achega a ilusión a máis dunha vintena de lugares distintos grazas a máis de 40 actuacións da man de 19 magos e magas do territorio nacional e internacional.
Este festival rematará a fin de semana coa Gala Unipersoal e a Gran Gala Internacional no Auditorio Municipal Gustavo Freire. As entradas xa poden adquirirse en www.entradaslugo.es por un prezo de 10 ou 8 euros, dependendo da zona, ata 3 horas antes de cada función, así como no Centro de Interpretación da Muralla. Os mesmos días das galas tamén se poderán adquirir no propio auditorio dende 90 minutos antes do comezo do espectáculo.
O Concello e o colectivo Caladiños ofrecen o xoves, a partir das 20:30 horas no Vello Cárcere, a conferencia Unha viaxe á máquina da mente, sobre a neurociencia. Xurxo Mariño será o encargado de dirixir a charla, na que se indagará o cerebro, a súa estrutura e as súas funcións.
Ese mesmo día, o MIHL acollerá a inauguración da exposición de pintura Unha vida para pensar, do artista lucense autodidacta Julio Díaz Gesto. Será a partir das 20:00 horas.
Tamén o xoves na Biblioteca Municipal celebrarase o Obradoiro de conizudos, a cargo de Viravolta Títeres. A partir das 18:30 horas os nenos e nenas elaboráran un cabezudo inspirado nos protagonistas da obra de María Victoria Morena, homenaxeada polo día das Letras Galegas, con materiais como cartón e papel.
O vernes arrincará o congreso sobre as teconoloxías e recursos para a xestión e socialización do patrimonio, CTRL-u-Go, que se desenvolverá ata o domingo no Vello Cárcere como sede principal, e noutros espazos da cidade, como son a Muralla, a Facultade de Humanidades ou o café cultural Ho Gruf.
Trátatase da nova actividade impulsada polo Concello para conmemorar o Ano Europeo do Patrimonio Cultural que nace para producir unha reflexión sobre as novas tecnoloxías como ferramenta para as humanidades, servindo como transformador do sector a nivel local, nacional e internacional. É pois unha reflexión de como as tencoloxías poden permitir o accceso ao patrimonio de todo un país, cun só click; e enmárcase no programa Lugo é Mundial, que inclúe tamén a iniciativa de Apadriña un monumento.
O Arde Lvcvs cada vez se sente máis na cidade. O sábado a Casa da Xuventude acollerá o taller A/O Menciñeiro en Roma, a cargo da asociación de recreación histórica Vestais Lucus Augusti, en xornada de mañá, de 10:00 a 13:00 horas. As persoas interesadas en participar poden anotarse a través do 010. Ese mesmo día, nestas instalacións municipais celebrarse os Xogos romanos de taboleiro, ata as 14:00 horas. De tarde, será o Vello Cárcere o encargado de acoller este tipo de actividades, enmarcadas no Arde Lvcvs Cvltvral, coa representación teatral Romani Ite Domun, ás 20:00 horas, de mans de Nostrum Cai.
As andainas son outra alternativa do Concello para a fin de semana. Concretamente, o sábado ofrece unha pola Serra dos Ancares, partindo da Quinta da Cancelada, enmarcada dentro das actividades para a mocidade, e o domingo outra por Gondar, Bascuas, Carballido, Bóveda, Castelo e Lugo, sobre as arquitecturas no Camiño Primitivo, ao abeiro do plan turístico municipal Terras de Auga e Cultura. As persoas interesadas en participar na primeira ruta deben inscribirse na Casa da Xuventude e a na seguna, na Oficina Municipal de Turismo.
O evento ArduinoDay, co que colabora o Concello, é outra proposta para este sábado, de mañá e tarde no CEI-Nodus; para as e os máis interesados no mundo da robótica e da impresión en 3D.
Pecha a programación desta semana un espectáculo dirixido a público infantil, de 0 a 6 anos, BBCircus, con Asacocirco, que fai unha aposta teatral basada nas artes circenses, cunha linguaxe simple e outro sentido do ritmo e do tempo con música ao vivo e moitas sorpresas. Esta obra, enmarcada na programación de circo e teatro para público familiar, ten unha duración de 40 minutos e celebrarase no Auditorio Municipal Gustavo Freire o domingo.
O domingo, o Concello programou a proxección do filme A arte breve: o cirurxián de Ariminun, no Vello Cárcere, cunha duración de 35 minutos
Completa a programación as visitas guiadas polo Vello Cárcere, de xoves a domingo, e a mostra de fotografía Irán, París, Lugo e a de escultura, Ledesma, no Vello Cárcere; ademais das permanentes sobre a memoria histórica do centro.