Berio-Molina-Marcos-Loopez-Lugo-

Maio 2018 Acaba de rematar esta fin de semana o festival Sons Creativos, festival que vai xa pola súa décima edición e co  eixe central da música contemporánea,  creación electroacústica e da arte sonora trae a Lugo unha oferta cultural orixinal, innovadora e moderna con vivencias para o público distintas ás que se poden vivir o resto do ano: escoitar a escuras unha peza electroacústica experimental cuadrafónica no concerto de obras acusmáticas que tivo lugar na Casa do Saber, o taller de soundpainting,  ou presenciar a acción sonora de Berio Molina na Praza Maior son bos exemplos.

Berio Molina regalounos unha imaxe icónica, desas que quedan nun para sempre: Berio abrazado ao altavoz, ao ampli, sentindo no seu peito a reverberación do son, os fondos ecos dos aullidos dun monstro, o afogamento do seu leviatán interior ou todo o contrario… a chegada ao cumio da montaña máis alta, a epifanía pacífica dos sons do silencio. Quén sabe…quén o sabe? O Berio seguro – ou non-, estas cousas e outras son as que pasaron pola cabeza borradora do que escribe; quizáis distintas ás que procuraba Berio pero pouco importa, a toda acción lle segue unha reacción e o que importa, sempre, é a reacción…do público. 

A acción sonora «micro-ampli-corpo» é unha acción de retroalimentacións entre un corpo e dúas máquinas. Unha acción de silencio e ruído. De variacións arredor do fenómeno do acoplamento. De movementos e caídas dun corpo buscando os límites das máquinas… ben podía mudar o nome por «As variacións Molina«, xenios hai poucos e non pasa nada por compartir nomes de obras.

BERIO MOLINA

Recomendamos especialmente visitar a súa web. Navegar por ela é ir descubrindo obras del todo novedosas…se cres que todo está inventado, nesta vida moderna de copia e pega, deberías ver as obras de Berio Molina.

Como non podemos inventar a súa bio, para algo a vai construindo él, nos sí que facemos un copia e pega:

Berio naceu na Fonsagrada, Lugo en 1979. É artista e programador, gosta da arte dixital, interactiva, sonora e de acción. Foi membro do Colectivo de performances Flexo desde 1999 ata 2004 e co-organizador do Festival IFI nos anos 2002, 2003 e 2004. Formou parte do Colectivo sobre as paisaxes sonoras e auralidade aumentada Escoitar.org desde os seus comezos no ano 2006 ata o seu cese de actividade no ano 2016. Foi membro fundacional da Comunidade de Arte e Acción libre Alg-a, así coma do Colectivo de creación escénica áIntemperie e do Fato bicéfalo Ohn. É co-administrador xunto a Isaac Cordal do Netlabel Alg-a, selo na rede onde se publican traballos de audio experimental.
No ano 2011 funda Pumpun xunto a Chiu Longina, estudio adicado ao desenvolvemento de proxectos multimedia, que deixa no ano 2016.

É licenciado na Facultade de Belas Artes de Pontevedra da Universidade de Vigo pola especialidade de Escultura. Estudou un Máster en Artes Dixitais na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona así coma un Máster en Computer Graphics Design no Rochester Institute of Technology de Nova Iorque (R.I.T) grazas a unha bolsa concedida pola Fundación Barrié de la Maza.

SONS CREATIVOS é unha plataforma de intercambio cultural para a difusión e creación sonora que, cada ano, aposta polas últimas propostas do ámbito da música contemporánea, a creación electroacústica e da arte sonora con concertos, obradoiros e seminarios en Lugo. Está organizado polo Grupo de Creación Sonora da Universidade de Santiago de Compostela, GCSUS, baixo a dirección de Inmaculada Cárdenas e Xoán-Xil López. Conta co apoio de Lugo Cultural.