Maio 2019 A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua en funcións, Carmen Basadre, e a presidenta da Asociación Mercenarios Galaicos, Cristina Gómez, xunto a outros membros do colectivo de recreación histórica, presentaron este martes, no patio do Vello Cárcere, a moeda castrexa oficial do Arde Lvcvs, coa que contarán estes festexos, declarados de Interese Turístico Galego e Nacional, por terceiro ano consecutivo, tras a boa acollida das ocasións anteriores.
Na presentación Carmen Basadre amosou a súa satisfacción porque o Arde Lvcvs conte con dúas moedas oficiais. Así mesmo tamén tivo palabras de agradecemento para o traballo que desenvolve este colectivo, xunto ao resto das asociacións luguesas.
Tal e como avanzou Gómez, trátase dunha recreación dunha moeda ibérica, concretamente un as de Ceca Bolskan (Huesca), fundido en bronce, datado entre os anos 150 e 101 antes de Cristo.
No anverso da moeda, aparece un busto masculino mirando á dereita, así como o signo ibérico «Bo», que representa o inico e finai do nome da Ceca (Bolskan). O busto aparece barbado e con torques, sendo, probablemento, a representación do heroe fundador da cidade.
No reverso da moeda aparece un xinete con lanza á dereita e a inscrición Amhais`19. O cabalo pousa as patas traseiras sobre a liña da lenda e as dianteiras aparecen levantadas. A representación deste tipo de xinete relaciónase coas meodas acuñadas en Sicilia polos Mamertinos e que foron traídas á Península Ibérica polos Mercenarios Íberos e Celtíberos enviados ás guerras púnicas onde aprenderon a técnica do combate con lanza e cabalo.
Mercenarios Galaicos vai poñer a venda unha tirada dunhas 3.000 moedas, cunha medidas de 25mm de diámetro e 2 mm de grosor, que se poderán adquirir en distintos comercios da cidade por un prezo de dous euros, así como no seu propio campamento, na Praza Horta do Seminario, ao longo dos festexos.
Para calquera outra información poden dirixirse á asociación a través do enderezo electrónico mercenariosgalaicos@gmail.com.