SETEMBRO 2018 A agrupación de Esquerda Unida en Lugo organiza xunto a Asociación Cultural Contracorrente unha charla sobre trata de mulleres e prostitución este sábado 29 ás 12:00h no Salón de Actos do Vello Cárcere, con motivo da conmemoración do Día Internacional Contra a Explotación Sexual e Trata de Mulleres, Nenas e Nenos; na que a principal poñente será Amelia Tiganus, supervivinte de prostitución e trata e activista feminista da coñecida plataforma contra a violencia machista Feminicidio.net. Na charla-coloquio tamén participará Ana Barba Núñez, educadora social da Asociación Aliad-Ultreia, que traballa con vítimas de trata e prostitución na nosa cidade.

Estímase que máis de 40 millóns de persoas son vítimas de explotación sexual en todo o mundo, das cales o 80% son mulleres e nenas menores de 25 anos de idade e que proceden dos grupos máis vulnerables da sociedade, especialmente mulleres migrantes en situación administrativa irregular. «O traballo de prevención e sensibilización contra esta lacra é unha prioridade para a agrupación local de EU, por ser Lugo un municipio no que tralo estalido do Caso Carioca se identificaron máis de 400 mulleres, entre elas moitas menores e a maioría migrantes en situación de pobreza, como vítimas de trata e prostitución coactiva», sinala Isabel Sánchez, coordinadora comarcal de Esquerda Unida en Lugo. «Está claro que o lucrativo negocio montado ao redor da prostitución e a trata de mulleres está directamente relacionado coa vulnerabilidade socioeconómica e a desigualdade de xénero. As mafias abastecen coa trata de mulleres o crecente mercado da prostitución, que se sostén coa demanda, tamén en aumento, de homes cada vez máis mozos que cren ter dereito a pagar polo consentimento sexual das mulleres. Nunha sociedade igualitaria e xusta resultaría inconcebible a explotación e o abuso sexual como medio de vida de mulleres e nenas. Os homes que acuden á prostitución deben ser conscientes de que son cómplices das mafias e que están a exercer unha das formas más brutais de violencia machista».

SOBRE AMELIA TIGANUS

Amelia Tiganus é unha activista feminista nada o 11 de marzo de 1984 en Galati, Rumanía. Vive en Euskadi, onde reconstruíu a súa vida tras ter sido explotada sexualmente durante cinco años en múltiples prostíbulos do estado español. Desenvolve o seu traballo en Feminicidio.net, plataforma social de loita contra a violencia machista do que forma parte dende 2015 e donde actualmente é coordinadora da plataforma de formación online e do proxecto de prevención, formación e sensibilización sobre prostitución, trata, violencia sexual e outras formas de violencia contra as mulleres. Publica artigos e é formadora en varios cursos e obradoiros de sensibilización e prevención da trata e a prostitución. Nos últimos dous anos impartiu máis dun centenar de conferencias e obradoiros por toda a xeografía española e arxentina. Tiganus deixa claro que: “Non podemos falar de igualdade entre homes e mulleres, nin de xustiza social, nin de dereitos humanos e bo trato mentres exista unha soa muller no mundo explotada sexualmente». No seguinte artigo que enlazamos relata as súas vivencias como vítima de trata e prostitución: http://feminicidio.net/articulo/la-revuelta-las-putas

Fuente: feminicidio.net