Guido Guía conecta ao público con artistas lucenses.

O guía turístico e divulgador cultural Guido Guía acaba de lanzar #UnhaTardeCon, un novidoso proxecto que permitirá ao público compartir unha tarde enteira con artistas lucenses, coñecer o seu traballo en primeira persoa, e participar en experiencias creativas.

Cada encontro inclúe visitas a murais ou estudos, charlas, pequenas actividades, e nalgúns casos un agasallo dos creadores.

A actividade foi presentada oficialmente no estudo de Miguel Anxo Macía (no barrio do Carme), nun encontro no que participaron Guido Guía, o muralista Diego AS, Dani (do proxecto Muro Mola) e o propio Macía, explicando o espírito do proxecto e o calendario das primeiras sesións. Foto: Guido Guía.

A acollida non puido ser mellor dende que se anunciou en redes a semana pasada: a primeira sesión, o venres 2 de xaneiro con Diego AS, esgotou as 35 prazas en só 24 horas, mentres que a segunda, con Miguel Anxo Macía, conta xa con case todas as reservas feitas (quedan só 3 prazas).

Na actividade con Diego AS os participantes realizarán un percorrido polos seus murais, visitarán o seu estudo na rúa Ramón Montenegro, recibirán un agasallo do artista, e poderán compartir (por libre, quen se anime) un momento final tomando algo no emblemático Club Clavicémbalo.

Na sesión con Macía a visita ao seu estudo do barrio do Carme incluirá tamén unha charla titulada “Como se afronta unha obra de arte” e o agasallo do libro Biografía de Macía, escrito polo doutor en Filoloxía Camilo Gómez Torres. Para quen se anime, por libre, rematarase a xornada tomando algo no Rincón do Bocata (na rúa Montevideo).

Ambas actividades (tanto a de Diego como a de Macía) comezarán ás 17:00 horas. O prezo por participante é de 12 € por persoa, cun desconto do 50% para menores de 18, e gratuidade de 0 a 2 anos. As inscricións poden facerse a través do correo electrónico guidoguiaturismo@gmail.com

Guido Guía anunciará nas próximas semanas novas datas con artistas como Noa PersánYoe 33Daniel CaxigueiroXoán VilaDani (do proxecto Muro Mola)Pablo LageRubén Paz ou Borja Porto.

Segundo explica Guido, #UnhaTardeCon busca “que a xente coñeza de primeira man aos e ás grandes artistas que temos en Lugo”, ofrecendo unha experiencia cultural próxima, participativa e profundamente lucense.