Luz Darriba será a pregoeira do San Froilán 2024
Luz Darriba. Foto de: Alfredo Bongianni

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presidiu unha nova xuntanza da Comisión de Festas, onde se valoraron os avances avances realizados de cara á organización do San Froilán 2024.

Maite Ferreiro anunciou que a comisión de festas aprobou que a artista multidisciplinar Luz Darriba sexa a pregoeira desta edición das festas, «unha lembranza ao 25 aniversario do proxecto Cumulum, un dos pasos máis importantes para que a Muralla fose recoñecida como patrimonio da humanidade». 

O proxecto Cumulum foi o punto de partida para apoiar a candidatura da muralla de Lugo á condición de Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, acontecemento que ocorreu en novembro do ano 2000.

Cumulum, Muralla dos Libros, proxecto iniciado no outono do ano 1.999 foi unha instalación de 650.000 libros arredor da Muralla Romana de Lugo, na que participaron preto de cinco mil persoas. En total, colocáronse arredor da Muralla 126 toneladas de libros, 11.800 metros cadrados para a que hoxe é lembrada como unha das intervencións artísticas máis relevantes da historia de Lugo.  

Luz Darriba

Artista plástica multidisciplinar nada en Uruguai e formada en Arxentina.

Realizou máis de 250 exposicións colectivas, 40 exposicións individuais e recibiu numerosas distincións internacionais.

Ademais de Cumulum, liderou proxectos como Porta de Alcalá “Unha porta á cultura” (colocación de 40.000 libros na Porta de Alcalá, Madrid 2001) e “Libres avec des ivres” (10.000 libros colocados a modo de enredadeira na sede da UNESCO en París).

Forma parte do TFAP (The Feminist art Project), do IMOW (Museo Internacional da Muller), do Museo da Muller de Costa Rica, e formou parte do persoal da revista virtual Foeminas, pioneira no Estado en materia de xénero, participou na elaboración do I Plan de igualdade entre homes e mulleres de Lugo.

Actualmente traballa de xeito multidisciplinar cos diarios da viaxe da súa nai como polizón co seu pai a América.

http://luzdarriba.es/

https://www.facebook.com/luz.darriba