As últimas edicións do Máster en Servizos Culturais da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC, está a descubrir na comunidade hispanoamericana un filón de graduados e graduadas universitarias con ascendencia galega que concorren ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) da Xunta de Galicia co obxectivo de acadar financiamento para ampliar a súa formación e cumprir os seus soños académicos no Sistema Universitario Galego (SUG).

A acollida que está rexistrar o Máster en Servizos Culturais da USC entre os galegos da diáspora latinoamericana é espectacular, segundo comenta a profesora Carme Silva Domínguez, que dirixe e coordina un posgrao da USC que no presente curso 2019-20 formalizou a matrícula de media ducia de estudantes -a cuarta parte do seu alumnado-, beneficiarios de bolsas BEME. Venezuela e Brasil son os antigos destinos da emigración galega máis representados na última promoción do posgrao impartido na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, un programa ao que tamén se incorporou outra luguesa retornada de Londres cunha Bolsa Excelencia Mocidade Exterior.

Foto de alumno do O Máster en Servizos Culturais da USC - Lugo atrae aos galegos da diáspora latinoamericana

O carácter transversal que implica a propia diversidade cultural propicia que o alumnado deste posgrao da USC responda a unha multiplicidade de perfís. Aínda así, no caso dos beneficiarios de bolsas Beme, cómpre salientar que, alén da súa procedencia e das súas experiencias vitais e persoais, todos ollan o Máster en Servizos Culturais como unha oportunidade cara un futuro máis próspero en liberdade e sen os medos da violencia.

O testemuño manifestado pola brasileira Vivian Moldes Expedito, ou como ela prefire definirse, “unha galega nada en Río de Janeiro que vive en Brasil porque aínda non conseguiu atopar traballo en Galicia, pero que non soporta a violencia social do país suramericano”, dá conta da existencia de anhelos compartidos entre os bolseiros BEME que están a ampliar a súa formación de posgrao no Campus de Lugo. Este sentimento tamén é compartido polo venezolano Simón Rodríguez Landaeta, licenciado en Letras pola Universidade Católica Andrés Bello de Caracas, quen se inclúe entre “a maioría da mocidade venezolana que ve na emigración a única opción viable para acadar unha calidade de vida decente”.

Estes dous descendentes de emigrantes pontevedreses non reparan en eloxios cara a Administración galega por ofrecerlles a oportunidade para recalar na terra dos seus ancestros a través dunha bolsa de estudos que cubre gastos de manutención, ademais do pago da matrícula dun máster universitario. Alén deste agradecemento, Vivian, de 38 anos, e Simón, de 25, comparten tamén o desexo de construír o seu futuro fóra dos países que os viron nacer.