O portal «Afundación en casa» da Obra Social ABANCA acada as 130.000 visitas desde a súa creación
Con acceso libre e gratuíto, xunta voluntariado, cultura, formación e apoio aos maiores e conta con máis de 300 recursos dixitais en constante actualización

«Afundación en casa», o portal web de acceso libre e gratuíto da Obra Social de ABANCA, alcanzou as 130.000 visitas no seu primeiro mes de implantación, sumando 32.000 seguidores nas súas propostas en directo. Desta maneira, Afundación continúa poñendo á disposición da cidadanía os seus proxectos culturais, sociais e formativos, así como programas de voluntariado e acompañamento telemático, mantendo o mesmo nivel de esixencia e consolidándose tamén na súa versión en liña como o referente en Galicia nos seus ámbitos de actuación.

Desde casa, a Obra Social de ABANCA continúa traballando para proporcionar contidos en directo e actualizacións permanentes, con seis novas propostas cada día, sumando máis de 300 recursos que replican os contidos habituais das súas áreas estratéxicas.

Afundación en casa

En Afundación en casa impúlsase tamén o proxecto «ABANCA e IESIDE asesoran», no que participan profesores de prestixio no ámbito académico nacional e internacional, quen imparte semanalmente sesións virtuais gratuítas en directo a través de conferencias, presentacións e entrevistas. 

En «Educación na casa», preséntanse, entre outras, novas conferencias do ciclo Educación Século XXI, que poden seguirse en directo ou acceder a elas  posteriormente no propio portal. Estes contidos ofrecen claves e abórdanse temas tan útiles na actual situación como a seguridade no uso da rede e as novas tecnoloxías en menores, ou a realización de mindfulness en familia. Así mesmo, ofrécense talleres de ciencia, de arte ou de cociña para que as familias poidan seguilos e levalos a cabo desde as súas casas, e toda a comunidade educativa, desde docentes ata nais, pais e titores, pode acceder a recursos didácticos cos que traballar cos máis pequenos desde casa, como guías didácticas sobre as exposicións ou as obras de teatro.

Na área de «Cultura na casa», pódese gozar en directo de recitais de poesía, concertos, contacontos, conferencias e charlas de expertos en cinema ou en arte, analizando diferentes obras das Coleccións Afundación e ABANCA. Tamén se atopan nesta sección as visitas virtuais aos proxectos expositivos de Afundación, desde os máis recentes como «O noso planeta» ou «Con D de arte. Unha ollada infantil á Colección de Arte Afundación máis contemporánea», ata «Ou universo musical de Andrés Gaos (1874- 1959)», «Eu, Abelenda» ou «Lugrís, paredes soñadas». Tamén mediante a perspectiva 360º, pódense percorrer as diferentes reinterpretacións das Coleccións de Arte de Afundación e ABANCA.

Todos estes recursos, máis de 300, agrúpanse e están facilmente accesibles nos perfís das redes sociais de Afundación baixo a etiqueta #AfundaciónEnCasa.