A programación de actividades culturais da USC en Lugo sortea a pandemia e reúne a preto de 6.000 espectadores en 2020 Máis de 40.000 persoas achegáronse o pasado ano á Domus do Mitreo a través de visitas presenciais ao xacemento e ás salas expositivas ou de xeito virtual na súa web

Presentación do Lugo Cultural
Presentación das actividades do Lugo Cultural

A programación de actividades culturais deseñadas pola Área de Cultura da USC no Campus de Lugo sortearon os efectos de pandemia cun estado de saúde óptimo, segundo denotan as estatísticas de público computadas ao longo do exercicio 2020, período no que preto de 6.000 persoas participaron nos distintos cursos, seminarios, ciclos de concertos e demais accións organizadas ou promovidas pola institución académica xa ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Deputación de Lugo e Concello de Lugo, xa por iniciativa propia.

As fases de confinamento e as diversas limitacións de aforo establecidas pola normativa sociosanitaria a fin de evitar unha maior propagación do virus e limitar o número de contaxios, condicionaron á baixa a afluencia de público e o propio desenvolvemento dun programa que, en máis dunha ocasión, viuse obrigado a adaptarse á modalidade en liña para evitar a cancelación ou suspensión de eventos xa consolidados na axenda cultural da capital luguesa.

O auditorio da Casa do Saber e a súa solaina, un espazo ata o de agora pouso aproveitado para usos culturais, convertéronse durante os pasados meses de verán e outono en dous enclaves pouco menos que exclusivos da vida cultural da capital amurallada. Unha cidade que, ano tras ano, atopa no Lugo Cultural, unha pasarela imprescindible para que os artistas e creadores locais gocen de oportunidades para presentar compartir os seus traballos co público. Así as cousas e a pesar das extraordinarias dificultades que houbo que sortear, a programación do Lugo Cultural congregou máis de 4.000 espectadores en 2020, segundo os datos facilitados pola Área de Cultura de Lugo, cuxos responsables tiraron de imaxinación e creatividade para evitar a cancelación de espectáculos.

A estas cifras de público, máis modestas que en edición anteriores, pero extraordinarias da a conxuntura derivada da pandemia provocada pola COVID-19, cómpre sumar tamén outros 2.000 espectadores que visualizaron as proxeccións fílmicas promovidas polo Club Cultural Valle-Inclán ou ben no marco da Sema de Cine de Autor de Lugo, ciclos nos que a USC mantén unha activa colaboración, do mesmo xeito que ocorre na Semana de Jazz ou no Proxecto Lorca.

Alén do vigoroso músculo cultural que a USC representa na capital luguesa, o patrimonio universitario e nomeadamente, o Museo Universitario A Domus do Mitreo, constituíu tamén en 2020 un dos principais reclamos turísticos da cidade. De feito, logo de meses de peche, as instalacións do museo universitario lugués recibiron ao longo da segunda metade do pasado ano máis de 6.000 visitantes, dos que arredor do 75% procedían de fóra de Galicia. Ao capítulo de visitas reais cómpre sumar tamén as virtuais, un recurso en liña polo que se decantaron máis de 30.000 persoas para descubrir algúns dos segredos agochados na Domus do Mitreo sobre a fonda pegada deixada polos romanos en Lucus Augusti.