Foto de retrato de Guido Guía

Os últimos anos en Lugo caracterízanse polo derribo de mitos e lendas. «En Lugo nunca pasa nada» e a falta de aprecio polo noso patrimonio son dúas das conquistas recentes da cidadanía lucense. Un dos líderes desta revolución socio-cultural é o protagonista desta entrevista atípica, «íntima» e divertida: Guido Guía.

Guido é o artífice de descubrir o Lugo menos coñecido a propios e turistas, de facer pensar e vivir o Lugo favorito ás xentes de sempre da cidade e ás de paso, de redescubrir Lugo a todos e todas coa mirada de amor pola cidade. En breve está de volta con novos paseos guiados pola cidade e pola provincia. Falamos co Guido sobre o «Guido paseante»: 

Falemos do Guido paseante.

Só ou en compañía?
Con Sabela 😊

Polas rúas ou polas corredoiras?
Polo Regueiro das Hortas, a rúa máis fermosa do mundo e una das máis fermosas de Lugo

Con música ou sen música?
Cas melodías dos paxaros, da fauna e da natureza da Reserva da Biosfera Terras do Miño

Seguro que algunha vez vas con música 😉. Algunha canción top para os teus paseos?
O himno do Breo, de David Prado, baixando polas costas do Parque camiño do Municipal e da miña casa, ou camiño do Campus Terra e do Pazo dos Deportes… pelos de punta!!

Regresa "Guido Guía" para ensinarte o Lugo máis fermoso

En compañía: falando ou en silencio?
Falando! Cas 113 nacionalidades que oficialmente viven en Lugo… que marabilla

Levas auga ou bebidas enerxéticas (ou refrescos)
Auga, sempre! E se veñen Cristopher e Romina tamén un par de bos mates… eu son de tomalos na casa, pero estes son fanáticos!!

Algún obxeto fetiche que sae contigo a todos os paseos?
A miña Nikon P900, a licenza de Guía Oficial de Turismo de Galicia… e moi a miúdo un pantalón curto verde que teño e ó que moitos alcuman “o pantalón dos paseos”

Por certo, ti concretamente qué fas: pasear ou trekking?
Quédome co verbo francés flâner. Ás veces hai palabras que non teñen tradución exacta, esta é a definición de flâner… “Pasear sen présa, rendéndose á impresión e ó espectáculo do momento” di a definición… case nada!!

Levas merenda?
Que mellor merenda que unhas tapiñas lucenses ó rematar ós paseos!!

Kilómetros, kilómetros e kilómetros de Lugo nos seus pés. Non hai sitio da cidade polo que non pasara Guido.

 

Cantos kilómetros levan os teus pés?
Non tiven coche propio ata este 2020, miña nai si, pero o meu pai nunca tivo coche e de pequeno pasaba o día de arriba para abaixo con el… vou camiño dos 35… botalle contas!

Cada canto tempo cambias de calzado?
A verdade teño un hábito que non sei se é bo ou malo: merco unhas zapatillas e quéimoas, non alterno moito e iso págase caro en termos de tempo… teño pouco armario, pero desfago o calzado con máis rapidez da que desexaría. Teño que meditar se cambiar de estratexia

 

Tes un «altar» para o calzado que máis kilómetros fixeron?
Non o teño, a verdade son algo minimalista nese senso… conservo poucas cousas, e moi seleccionadas: fotografías, recortes de prensa, revistas, e en xeral cousas que non ocupen moito espazo. Pero si teño memorias incribles de moitas zapatillas… César Sanmartín (gran amigo que foi capitán do Breo) agasallárame unhas granates que para min representan a miña primeira xuventude; na vintena tiven varias azuis que foron a miña década máis viaxeira, e agora na trintena Sabela exerceu influencia e cambiei a unha marca que me resulta moi cómoda nesta etapa tan marabillosamente intensa en canto a paseos.

Por certo, é que non só paseas…tamén miras!!!! e aprendes o que miras nos teus paseos para compartilo con máis xente. Eras deses peques que non paraban de decir: papi mira qué casa, mira qué caracol mami, mira qué árbol, mira qué flor, mira que… !!!! Eras deses????
Hahahaha que grande! Creo que si, que fun un neno moi observador e inquedo. Bombardeaba de preguntas ós meus pais e á miña avoa María, sempre pedíndolles que me contaran historias de todo… para recordos, cando lle preguntei ó meu pai que era a filosofía tendo eu 5 anos… ou as miñas viaxes dende Foz ata Lugo mirando a lúa todo o rato dende o coche. Si que son observador e como ben dis encántame compartir o que observo 😊

O Guido «guía» xa guiaba a súa pandilla da súa infancia cando saían a descubrir o mundo nas súas bicis? …ou quedaba atrás porque se entretía mirando as cousas?
Fun un neno de parque, de rúa, de río… sempre digo que tiven a sorte de nacer e medrar no Carme, un barrio a 5 minutos do centro, a 5 minutos do río e a 1 minuto das Costas do Parque Rosalía. Pasei toda a infancia na bici, paseando cos meus amigos e sobre todo xogando o baloncesto… Pode ser que algo guía sempre fun, de feito na época de saídas nocturnas era famoso por ser o pesado do grupo que motivaba sempre a ir cambiando dun pub a outro… movendo a economía local, como debe ser!!

Xa máis maior, pasouche como Forrest Gump? Un día comezaches a pasear e ata hoxe?
Marcos, meu, tesme collida a medida!! A comparación é boa… Se ben sempre fun paseante, cando volvín a Lugo no 2015 xa comezou a ser esaxerado… así estamos! Daquelas integrárame no café de idiomas que organizaba o inglés Neil Wykes, fixera moitos amigos Erasmus, propoñíalles pasear cada domingo polos arredores de Lugo… iso foi o xerme de moitas cousas, e sen ningunha dúbida unha semente fundamental do proxecto Guido Guía.

“Pasear sen présa, rendéndose á impresión e ó espectáculo do momento”

Falando de pelis e xa que somos un medio cultural: algún libro, peli, canción…de referencia sobre os paseos, o ser guía, o fermoso de descubrir e coidar o patrimonio…

“El caminante” de Hermann Hesse foi un libro co que gocei especialmente e que lle recomendo a todos os lectores de Viva Lugo. A mítica “Regreso al Futuro” como a peli da miña infancia e que de seguro influíu no meu amor polas viaxes no tempo. “Si se calla el cantor”, do arxentino Horacio Guarany, como bandeira do pensar, do falar, do reivindicar e do compartir… pero claro, hai moitas máis! Moitas grazas, Marcos, por esta oportunidade de cantar!

Grazas!!!!