Programa do Arde Lucus Cultural 2022

Medio centenar de actividades sobre a cultura romano castrexa quentan motores ata o Arde Lvcvs

O Arde Lvcvs Cultural trae en abril e maio da man das asociacións actividades gratuítas que inclúen ciclos de conferencias, cine, rutas, obradoiros, teatro e xornadas gastronómicas.

Así explicouno o concelleiro de Xuventude, encargado da organización da festa, Mauricio Repetto, acompañado por unha representación dos colectivos implicados.

Entre as novidades da programación, o edil destacou a recuperación da “Ars Magirica’. Unha actividade na que colabora a asociación de empresarios de hostalería para realizar xornadas gastronómicas para degustar tapas inspiradas nos pratos e sabores típicos do mundo romano.

Tamén se levará a cabo a recreación do Natalicio, un acto, onde participaran todas as asociacións abandeiradas cos seus estandartes.

 

 

Obradoiros coas asociacións

No mes de abril, a programación inclúe obradoiros da man de Caetra Lucensium, que realizará unha demostración de como funcionaba unha bomba hidráulica de Cetsibio – Heron coa colaboración dos Bombeiros do Concello de Lugo, e da Lucus Icenas Miliatore, asociación que ensinará a realizar escudos.

Tamén a Lucus Equites guiará aos asistentes pola vía XIX; as Asemblearias ofrecerán a oportunidade de buscar as ofrendas de Lucus Augusti; Kertix realizará unha mostra dos pequenos teares romanos e un obradoiro para Cestear coma un romano, e Terra Corpora realizará obradoiros de ourivería castrexa.

En maio, Senatus Lucus Augusti impartirá charlas sobre o ‘Senado, o Arde Lucus e a historia de Lugo’; Pax Romana impartirá xornadas de debuxo con xiz no chan; Salesiani Luci Augusti amosará a construcción dun mosaico con teselas de barro, así como a fabricación dunha cota de malla e a elaboración de coroas, e Vestales Lucus Augusti realizará estampacións en téxtil. 

Por último, A Ponte Romana acollerá a recreación histórica máis auténtica da vida cotiá dunha sociedade castrexa da Idade do Ferro tardía: O pobo dos Namarini, da man de Tir Na N’Og.

Do 1 ao 15 de xuño, haberá una exposición dos carteis da Festa Arde Lvccs dende o 2001 ata a actualidade e programaranse actividades da man de Ara Roma (obradoiro de reloxos) e Vestales Lucus Augusti (obradoiro de estampación).

Ciclo de cine arqueolóxico e paseos

A programación inclúe un ciclo de cine arqueolóxico, no auditorio do Vello Cárcere. Será ás 20:00 horas os días 5, 12 e 19 de maio. Todas as persoas interesadas poderán gozar coas proxeccións de ‘Enxeñería romana: estradas’, ‘Outeiro de Can da Isca. Un novo petroglifo en Campo Lameiro’ e ‘O reino suevo de Galicia’.

Tamén volverán os  paseos con Paulo Fabio Máximo da man de Senatus de Lucus Augusti os días 23 de abril e 7, 14, 21 e 28 de maio. Ademais, poderase xogar co lanzamento de bolos co Club de Bolos Celtas Muralla, os días 2, 9, 16, 23, 30 de abril e 7 e 14 de maio.

As actividades poderanse consultar na web e redes de festa Arde Lvcvs (www.ardelucus.com) e a inscrición das actividades realizarase en formulario.xuventudelugo.gal.