Xa está dispoñible en You Tube unha recompilación da serie «Mulleres da Provincia» repasando aqueles vídeos que se foron emitindo durante este último ano que leva en marcha o proxecto promovido pola Deputación de Lugo a través do Servizo de Audiovisuais.

Son historias nas que as protagonistas son mulleres, mulleres da provincia de Lugo que traballan en ámbitos tradicionalmente masculinos, nas que elas repasan a súa traxectoria profesional e persoal.

O obxectivo é dar visibilidade a modelos femininos a seguir nos diferentes ámbitos profesionais, favorecer o empoderamento da muller e avanzar na eliminación de estereotipos e roles sexistas e, deste xeito, camiñar cara unha igualdade real e efectiva entre homes e mulleres.

Estes audiovisuais recollen a experiencia das primeiras alcaldesas de Lugo e Viveiro, a primeira subdelegada do Goberno en Lugo, a primeira vicerreitora do Campus de Lugo, a primeira tenente da Garda Civil en Lugo, a primeira maxistrada titular da Audiencia Provincial, unha investigadora da USC, a propietaria dunha granxa de vacas de leite, unha taxista, unha zapateira, unha muiñeira ou unha enxeñeira industrial.