Programa do San Froilán Miúdo 2025.

Maite Ferreiro: «O San Froilán Miúdo contará con 8 espectáculos na carpa do Seminario, ademais de xogos tradicionais, 4 espectáculos itinerantes e outras actuacións de rúa»

 A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presidiu unha nova xuntanza da Comisión de Festas, na que presentou aos grupos os avances referentes á organización do San Froilán deste outubro. 

Ferreiro adiantou que “o San Froilán Miúdo contará este ano cunha completa programación para toda a familia, con actividades de rúa e na carpa do Seminario, achegando a Lugo os mellores espectáculos do panorama galego, estatal e internacional”.

Todos os días ás 18.30h terá lugar unha actuación na carpa, mentres que os días 5, 6, 11 e 12 de outubro, os nenos e nenas poderán gozar de xogos de 11.30h a 14h e de 16h a 18h.

O ambiente festivo expandirase polas rúas do Recinto Histórico grazas aos espectáculos itinerantes e outras actuacións de rúa, pensadas para o público familiar, animarán as tardes da semana durante as festas, ampliando así o abano de propostas lúdicas.

«Seguimos traballando para que o San Froilán deste ano volva ser a gran festa do outono galego, cunha programación diversa e de calidade, pensada para todas as idades e que contribúe a potenciar a cultura e o lecer en Galiza”, afirmou Maite Ferreiro.

San Froilán Miúdo 2025:
“Pockect Loop” da Compañía StopStoi.

Espectáculo que mestura malabares e música nun xogo que representa a vida mesma. 

Con bólas, aros de goma e unha batería, os artistas crean un espectáculo visual e sonoro que combina intimidade, minimalismo e momentos lúdicos. 

Sen palabras pero cheo de ritmo, a obra convida o público a explorar o aparentemente inútil e revela a beleza do cotián e a procura do significado da vida.

“Tranvía Nº12” de La Finestra.

Cinco diferentes personaxes reúnense nunha peculiar parada dun antigo tranvía, están nerviosos, desubicados, só teñen unha cousa en común… esperan. Están listos para irse, viaxar, descubrir o que lles depara o seu destino… o tranvía está alí esperándoos, pero sempre hai un motivo polo que nunca sae.

Esta emoción colectiva provocará neles unha forma inesperada de relacionarse, de coñecerse, descubrindo que teñen máis en común do que crían, moito talento, a creatividade, o circo, o sentido do humor #ante a vida e a súa peculiar resiliencia.

“Crunch 2!” de Muu.

Volven os dous superheroes máis queridos do circo nesta nova aventura. Unha viaxe temporal aos seus comezos, volver á escola por non sacar o título.

Quen non soñou con iso? Un mundo no que non es ninguén sen un título. Novos inimigos, novas aventuras, novos desafíos. Un espectáculo familiar cheo de malabares, caídas, golpes, corda frouxa, risas e equilibrios imposibles. Máis que nunca é tempo de superheroes!

“Humanus Comicus” de Mondo Costrini.

É un espectáculo divertido, provocador, terapéutico, e cheo de imaxinación. Unha enxeñosa parodia ao mundo do circo, que convida a rir e a reflexionar. Un cabaré absurdo e burlesco, onde o publico é cómplice e protagonista da acción. Humanus Comicus contaxia alegría e emoción, a golpe de gargalladas.

 Ideado, dirixido e protagonizado por Sebastián Guz, clown de renome internacional, con 20 anos de traxectoria polos Festivais de todo o mundo.

“Gran Sonata” de Le Pluant.

Gran Sonata é o último concerto do compositor da época barroca Sr. Puant. Pero o noso protagonista non sabe que na época actual tamén temos teatros, así que decide traer o seu propio teatro. Como non cabía todo o teatro no camión, só puido traer a metade da platea. E con ela, as súas entrañas: o camerino, un mundo vestido de rosa onde poderemos espiar a vida máis íntima do Sr. Puant e onde o noso protagonista soña, baila e xoga a ter aquela vida que fose os escenarios non ten.

O que non sabe o Sr. Puant, é que se esqueceu dos músicos e terá que buscar a maneira para solucionalo. Conseguirá facer o seu último gran concerto? Ou será un fracaso e terá que enterrar a música para sempre?

“De Vilatriste a Vilalegre” de Teatro ao cubo.

Trepas é o alcume dun habitante de Vilatriste enredado inesperadamente nunha singular aventura: salvar á vila das fauces dun malvado dirixente. Xunto a unha inusual superheroína descobren a fórmula para vencer ao seu inimigo pero… funcionará? 

De Vilatriste a Vilalegre é unha divertidísima creación de Teatro ó Cubo con monicreques e actores, para pequenas e maiores e en coprodución co Centro Dramático Galego no seu 40 aniversario.

“Historias para escagarriñarse” de Teatro Ghazafelhos.

Tres cíngaros percorren o mundo co seu carromato contando vellas historias da cultura popular que removerán pesadelos nos incautos oíntes. Coincidindo co seu 20 aniversario, Teatro Ghazafelhos recupera un dos seus primeiros espectáculos de rúa. 

Co seu característico humor repasarán historias como as da Cabra Montesina, As Lavandeiras, a Santa Compaña… A participación do público será imprescindible para poder representar estas historias para escagarriñarse. Un espectáculo cómico de rúa para todos os públicos.

 Festival Infantil de Cántigas e Frores.
"Pilots" de La Finestra
Espectáculos itinerantes polas rúas do Recinto Histórico
“Pilots” de La Finestra (Premio Fetén 2025 ao mellor espectáculo itinerante de rúa)

Espectáculo itinerante no que uns divertidos pilotos chegan co seu orixinal coche a pedais en busca do mellor lugar onde realizar a súa tola carreira de bicicletas excéntricas.

No seu camiño atoparanse #ante inesperadas situacións que lograrán superar con moito humor, os seus números de acrobacias e malabares e a imprescindible colaboración do público.

“Circo Krasnovorak” de Troula.

Nika chega puntual, coma sempre, ó punto de quedada, o sitio onde tiña que estar montada a carpa do… “Gran Circo Krasnovarak!”, pero… que acontece?, non hai carpa!, pero é que tampouco está Pepo o paiaso, nin os irmáns trapecistas…. NON HAI NINGUÉN! Tempo despois aparece Igor, o director e domador do circo, e resulta… que temos un problema maior!, os animais do circo…andan perdidos pola cidade!! Haberá que saír a buscalos!

“Rum rum…” de Xip Xap Teatre.

Unha carreira de coches onde pode pasar de todo. Un condutor malvado utiliza todas as trampas que ten ao seu alcance contra un científico tolo que, grazas ao seu enxeño, sabe atopar solución a todas as trampas; todo isto comentado por un comentarista deportivo que se transformará en mecánico ou policía valente segundo a necesidade do momento. Como nos espectáculos clásicos, o malvado será vítima das súas propias maldades e o bo gañará a carreira.

“Transhumancia” de Xip Xap Teatre.

A transhumancia é a migración estacional de rabaños en busca de pastos alí onde haxa dependendo da época do ano: pastos de montaña no verán e pastos no chairo no inverno.

E así son os nosos pastores, trasladan o seu rabaño alí onde o público está reunido para gozar do teatro. Pastores, cabras e o noso can son os personaxes principais, pero quizais acabes sendo ti o protagonista. Sabes muxir? E Que tal se che dá facer de lobo?