A novena edición do maratón cinematográfico ‘Findecurta’, un certame promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, áreas de cultura Deputación Provincial e Concello de Lugo, celebra este venres 3 de maio a súa gala de entrega de premios, no marco dunha sesión aberta que se desenvolverá a partir das 21.00 horas na luguesa Praza de Santa María (en caso de choiva, auditorio da Facultade de Veterinaria), onde se poderán visualizar as distintas propostas creativas presentadas a concurso.

Unha vez rematada a proxección dos traballos presentados, o xurado e o público presente darán a coñecer as propostas gañadoras.

A persoa ou persoas autoras da curta máis valorada polos membros do xurado recibirán un premio de 400 euros, ademais da posibilidade de competir coa súa creación na próxima edición da Semana de Cine de Autor de Lugo. A segunda curta mellor valorada tamén poderá optar ao premio do público á mellor curtametraxe galega no marco da Semana de Cine de Lugo.