Sábado 06 de xuño.
Este 2020 está sendo un ano estraño e convulso, pero primeiro será combativo.
Na Mariña comezamos o ano combatendo a perda de servizos no Hospital da Costa e en atención primaria. Agora, e agravando a crise que nos vén enriba, a factoría de Alcoa, o motor laboral da comarca, está no momento máis delicado da súa historia. A compañía anunciou o pasado 28 de maio o despedimento de máis de 800 traballadores (entre a principal e auxiliares), e que pode desembocar no peche total do complexo industrial de San Cibrao. Un golpe mortal para A Mariña polas consecuencias no emprego indirecto e na actividade económica da zona.
Traballadores e veciñanza levamos anos en pé de guerra. A primeira manifestación á que fun na miña vida non foi na universidade, foi xustamente a primeira gran marcha por Alcoa en Viveiro xa no ano 2012. Unha comarca enteira volcada desde entón en mobilizacións para garantir o seu futuro. Todo o mundo na Mariña ten a alguén na familia ou coñece a alguén que traballa en Alcoa. Eu mesma son filla dun traballador de Alcoa xa xubilado. Os afectados somos todos. E mesmo quen menos, máis do que parece: Alcoa é a empresa que máis postos de traballo xera en Lugo e a súa actividade representa o 35% do PIB da provincia.
Nestes días de protestas contra o peche, tivo lugar en Ribadeo unha multitudinaria marcha na que traballadores e veciñas, man a man, cortaron a Autovía do Cantábrico con barricadas de neumáticos ardendo. Milleiros de mariñaos e mariñás arrouparon aos traballadores e proclamaron consignas como “Alcoa non se pecha”, “Madrid, escoita: A Mariña está en loita”, “Enerxía solución”; ademais de portar pancartas que rezaban “RIP A Mariña”, “Onde está o Estatuto”.
Non podemos permitir que prosiga a destrución de emprego nesta comarca e nos condenen a ser por acción ou omisión un deserto laboral e social.
Desgraciadamente non teño a solución ou a alternativa (tampouco me corresponde telas), pero eu sempre vou reivindicar unha nacionalización obreira da industria. Porque esa é a única saída para as traballadoras, dicidir todo: cando, como e onde se produce, que se nos remunere polo que realmente producimos, é dicir, todo. Xa o escribiu Olga Novo, «debería aprender a morder / e que se pudra / que se pudra a raíz do poder que non che deu de comer».
A terra para quen a traballa. Non valen excusas.
Mentres continúa a inacción política e as críticas cruzadas entre distintas institucións e partidos, os traballadores da planta mobilizáronse de novo este martes volvendo a reproducirse as imaxes de protestas e piquetes á entrada da fábrica.
Abandonados polas Administracións, traballadores e conveciños contan exclusivamente coas súas propias forzas para impedir o peche da fábrica.
Se este se confirma, o loito oficial pode comezar de verdade para a comarca da Mariña.
SÁBADO 06/06 – XOVE – Marcha reivindicativa a partir das 13:00 – Saída: entrada de Xove, Avenida Diputación en dirección a Burela.
DOMINGO 07/06 – VIVEIRO – Gran manifestación – Saída: Cruz Roja
Unha reportaxe do fotógrafo lucense Adra Pallón e a xornalista cultural da Mariña Sara García para Viva Lugo…sempre comprometidos coa nosa terra.
Clic na foto e veralas a pantalla completa:
Somos a axenda cultural de Lugo e o medio dixital onde enterarte de tódolos eventos culturais e de ocio da cidade: concertos, teatro, exposicións, cine, espectáculos, presentación de libros, danza…
Contacta: vivalugo@vivalugo.es
© 2018 Viva Lugo | Deseño web feito co ♡ por El cielo del norte