O número 9 da Revista Mazarelos xa está na rúa.
Asociacionismo, exhumacións, reformas provinciais, memoria local e moito máis neste novo número.
Nestas datas tan sinaladas chega o noveno número de Mazarelos. Nesta ocasión a artista coruña Julia Lago ilustrou a capa coas súas figuras e siluetas brancas, negras e vermellas. A lectora atopará neste novo exemplar artigos sobre memoria, comunicación, arte, literatura e historia.
Nas primeiras páxinas Caroline Delmazo acheganos á súa experiencia no eido da comunicación do proxecto ReSEED da Universidade de Coimbra, adicado a examinar os cambios na agricultura, no medioambiente e o seu impacto social entre 1750 e 1950. Segue Iria Friné Rivera cunha análise dunhas ilustracións moi presentes no imaxinario da nosa sociedade: os carteis do Estatuto de 1936 de Castelao e Díaz Baliño.
O interior de Galicia está moi presente neste número. Marcos Gerardo Calles tráenos un estudo artístico da catedral de Lugo poñendo o foco na iconografía de San Xoán Bautista. Logo mergullámonos na historia ourensá, primeiro con Carlos Lozano cos proxectos de reforma provincial de 1822 e 1833 e con Mateo Martínez e a súa análise microhistórica dunha sociedade agraria socialista na Veiga. Deseguido, Marcos Filgueiras conversa con Cunqueiro a través da súa obra ‘San Gonzalo’.
Por último, entrevista a Conchi López e Antonio Míguez sobre os obstáculos e a súa experiencia na investigación da violencia franquista, nas exhumacións e na memoria histórica no contexto galego.
Todas as persoas que o desexen poden mercar un exemplar da revista na web tenda.mazararelos.gal e nos case 20 puntos de venda habilitados.