«Vaia Vaia» cita en Lugo a amantes dos fanzines e a autoedición

VAIA VAIA desenvolverase a fin de semana do 24 e 25 de setembro na praza de Abastos

Para amantes dos fanzines e a autoedición e para quen queira descubrir ese incríble mundo de imaxinación sen límites chega a terceira edición do VAIA VAIA a Lugo os días 24 e 25 de setembro.

“VAIA VAIA é unha mostra cultural que propón explorar e descubrir o traballo artístico de particulares e asociacións de xeito participativo, colorista, amable e culturalmente aberto e activo”, afirmou a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro durante a presentación.

”Durante dous días Lugo acollerá unha feira do fanzine e da autoedición, unha reunión pública e aberta a todas as persoas interesadas nas publicacións independentes e autoxestionadas”, explicou Ferreiro, que engadiu “con esta iniciativa queremos abrazar o amateur e abrir as portas ás creadoras de Lugo que aínda non se deron a coñecer ou que nunca se atreveron a participar nun evento destas características”.

Maite Ferreiro e responsables da organización. Fonte da foto: Gab. Com. Cultural

O punto de encontro principal de VAIA VAIA será o mercadiño de fanzines que se ubicará na praza de Abastos. Ao mesmo tempo, organizaranse distintas actividades para abarcar contidos que supoñan mergullarse na linguaxe da ilustración, a creación literaria, o grafismo e as artes visuais. Tamén se contará con distintas actuacións musicais para completar a programación do evento.