XuvenLugo cumpre 25 anos cun reforzo na súa programación.
A mocidade luguesa poderá gozar este Nadal, entre o 6 de decembro e o 7 de xaneiro, dunha ampla oferta de ocio no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.
Como vén sendo habitual, Xuvenlugo dividirase en diversas áreas con
actividades pensadas para distintas idades.
Deste xeito, contará cunha ludoteca, dirixida a nenos e nenas de cero a sete anos, onde se desenvolverán xogos e talleres de animación xestionados por monitores e monitoras coa súa correspondente cualificación.
O público dun rango de idade superior gozará dunha zona de videoxogos, dun campo interior de minigolf, dunha pista de slot (circuíto para coches de xoguete teledirixidos, semellante ao clásico Scalextric), dun rocódromo e dunha ampla variedade de atraccións e inchables.
Aínda que haberá un total de 23 días de actividade, celebraranse dúas
xornadas moi especiais: o 23 de decembro, Papá Noel irá recoller as
cartas e escoitar os desexos dos mozos e mozas; mentres que o 4 de
Xaneiro será un paxe dos Reis Magos o que visitará o recinto para tomar
nota dos agasallos que deberán repartir días despois.
XUVENLUGO – HORARIOS, ENTRADAS E MÁIS INFORMACIÓN
Lugar: Pazo de Feiras e Congresos de Lugo
Horario: o recinto estará aberto en horario de 16:30h a 20:30h os seguintes días:
⠀
Do 6 ao 10 de decembro, 15 ao 17 de decembro, 21 ao 23 de decembro, 25 ao 30 de decembro, 1 ao 4 de xaneiro, 6 ao 7 de xaneiro.
⠀
Entradas:
Entrada xenérica: 7 euros
Bono grupo 10 persoas: 60 euros (válido para un só día)
Acceso para Concellos, Colexios e Asociacións: 5 euros (necesario facer reserva anticipada para un mínimo de 15 persoas).
⠀
A venda de entradas farase cada día no despacho de billetes. Non precisas adquirilas con anterioridade, agás o acceso para Concellos, Colexios e Asociacións, que necesitan unha reserva previa.
⠀
Con ela poderás gozar de todas as atraccións e inchables todas as veces que queiras, agás das seguintes actividades:
⠀
Minigolf: 1,5 euros
Pista de slot: 2 euros
Varredora: 1,5 euros
Rocódromo: 3 euros (dispoñible a partir do 16 de decembro)
A novidade principal de Xuvenlugo con respecto a edicións anteriores é o sorteo de tres cestas con material escolar.
As persoas gañadoras deste agasallo escolleranse entre as que escriban cartas dirixidas a Papá Noel e aos Reis Magos e tamén as asistentes o día 1 de xaneiro.
“É o xeito que temos de agradecerlle á xente a súa participación ano tras ano, á que animamos a sumarse de novo á consolidación desta iniciativa, que marca a chegada do Nadal a Lugo”, subliñou durante o acto de presentación Rubén López, xerente da Fundación de Feiras e Exposicións, quen tamén lembrou que se sortearán, como se vén facendo nos últimos anos, entradas a través das redes sociais.
Pola súa banda, o deputado de Mocidade, Daniel García, convidou “a familias e rapazada de todas as comarcas a desfrutar deste espazo de ocio co que colaboramos desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e que amplía as opcións de lecer para as nenas e nenos nuns días de moita ilusión”, ao tempo que puxo en valor a “oportunidade que XuvenLugo ofrece de gozar do tempo libre en espazos comúns e compartidos”.
Mentres, a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, remarcou que «o XuvenLugo contará cunha gran cantidade e variedade de actividades, nos que a rapazada que se achegue poderá atopar algo que se adapte ao seu gusto” e destacou “que se programen días e franxas horarias sen ruído, apostando por un ocio inclusivo”.