Aberto o prazo de propostas para participar no festival de artes escénicas “Cartografía en movemento”

SETEMBRO 2018 A VII edición do festival de artes escénicas de Lugo,  “Cartografía en movemento”,  xa ten data e está aberto a propostas para participar: o 29 de setembro e baixo o lema  “surcando a cidade”  viviráse en múltiples espazos de Lugo un sábado cheo de artes escénicas.

Para participar, de forma individual, por parella ou grupo, é necesario elixir un espazo da cidade e crear unha proposta escénica como froito dun diálogo con él, unha experiencia co lugar. Non hai limitación no tipo de linguaxe a utilizar dentro das artes escénicas, dende a danza ao teatro, á lectura poética ou á intervención plástica

A idea é que a cidade emerxa e sexa interrogada a través da danza, do teatro, da poesía,… e que a xente poda ser sorprendida e percorrer a cidade cun mapa na man, cun mapa en movemento e así ter novas posibilidades de habitar, de pensar e de descubrir os espazos onde vivimos.

Aberto a todo o mundo: amateur, profesional, transeunte…pode cartografiar a cidade e darlle cor co seu corpo.

A duración das obras deberá ter un máximo de 15 minutos.
A participación en Cartografía en Movemento non ten ningunha retribución económica. Para as persoas que se acheguen de fora de Lugo, ofreceráselles unha aportación para desprazamento e todos os participantes estarán convidados a unha cea fin de festa.
A data límite de recepción de propostas é o 15 de setembro. No caso de que as recibidas superen o número posible programable, acotaranse segundo orde de inscrición.

Envía o  proxecto a: info3monos@gmail.com

Promove: Asociación 3monos