SETEMBRO 2018 Quedamos con Brian Rodríguez para falar da súa curta «Maullidos de Látex» nunha cafetería do seu «ambiente». Non entendimos ben a que se refería con eso de «ambiente» ata entrar e descubrir que a maior parte da clientela eran homes-gato ou gathomes como os da súa curta. Parece ser que é o local onde van en Lugo, e en soidade lamense as feridas e meditan sobre as vidas que lles resta por vivir. Despois do shock inicial presentámonos a un home-gato que levaba unhas entradas para o Festiblas …non podía ser outro: Brian Maullidos de Látex preparado para falar de cine, o humor, teatro, a vida e por suposto da súa premiada curta

Moi bo día Sr. Brian. Sr. director, guionista, productor e montador de «Maullidos de gato». Con qué «tarefa» desfrutas máis? É a túa forma de traballar ou foi só circunstancial?

Son da opinión de que o director ten que ser «autor» total da película, polo menos do cine que máis me gusta, e iso só se consigue se é responsable do guión, da dirección e, se procede, da montaxe ou parte dela. A labor de produción desta volta foi circunstancial pero espero poder encargarme sempre desas partes en todos os meus traballos. 

O que máis me gusta? Escribir guións, sen dúbida. De todos os traballos relacionados con facer unha peli, unha curta, ata unha peza teatral… é o único no que me evado e me sinto cómodo e identificado ao 100%. Tamén gústame moitísimo dirixir aos actores e ás actrices, é fascinante. Desfruto moito con elo e sempre o fago dende a empatía ao coñecer eu o outro lado. Coido que é a mellor forma. Ah, coa montaxe tamén esquezo o discorrer do tempo.

A curta, en plan «telegrama» e para non facer spoilers, conta a historia dun home que un día ponse unha máscara de gato e non a volve a sacar, e claro está, pásanlle unha chea de cousas na súa vida diaria (traballo, parella…)

Si, partín dunha anécdota levado ao extremo, ao mesmo tempo a máscara era a excusa perfecta para falar sobre a «identidade». Neste mundo de mercaduría do «EU» e das dificultades da xente para acadar unha personalidade, incluso saber quenes son, a máscara daba moito xogo. Hai un trasfondo humorístico pero en segundo plano aparecen cuestións tan importantes coma, ademais da identidade, as dinámicas sociais, as de parella, as obsesións, a crise do masculininidade, etc.

Antes falábamos de Hitchcock e penso que a máscara é unha especie de«Mcguffin» , un elemento que permite viaxar por outras cousas. Coma nos filmes do director inglés, o Mcguffin era o vehículo que facía avanzar a peli; aínda que penso que neste caso ese elemento, a máscara, sí que é moi importante.

Somos dos poucos privilexiados (graciñas por certo) que vimos «Maullidos de látex» xa que debido ao seu percorrido por festivais ten que permanecer «oculta» ao público. Se te decimos que nos pareceu unha proposta hipermoderna, mezclando xéneros tan de hoxe coma os vídeos informativos cortos que circulan polas redes sociais, incluindo texto continuamente, imaxes tipo reality televisivo ou docudrama…temos a sensación de ter vista a primeira curta do cinema que está por vir e que aínda non ten «etiqueta».

Buf, fanse tantísimas curtas e vídeos de todo tipo en todas partes que penso que non tería que, nin de broma, ser a primeira. O formato estivo na idea orixinal, dende o comezo imaxineino coma un vídeo de Playground – por exemplo- con esa estética e tipo de proposta visual. A pesar de ser un formato axeitado para vídeo curto dixital tiña claro que toda a curtametraxe tiña que ter esa estética e dar a sensación de que fose apto para ver dende calqueira dispositivo. É unha proposta moi axeitada para Internet, tanto que por min inicialmente xa o compartiría nas redes pero bueno, imos probar sorte nos festivais. 

Por certo, grazas por situala na «posmodernidade» cinematográfica pero non serei eu quen a etiquete e ademais sodes demasiado xenerosos.

Desde o primeiro momento a máscara era de gato? Como xurdiu a idea?

Dende fai tempo algunhas persoas do audiovisual mantemos unhas reunións ás que chamamos «Cinerxias» (buscando sinerxias cinematográficas entre nós) e nunha das primeiras Iago de Sant («Miñoca» curta gañadora do III Findecurta) propuxo traer o Gato Negro de Allan Poe ao xeito do cinema inmersivo, unha proposta innovadora na que tería moita importancia, entre outras cousas, unha máscara de gato, obviamente negro. Unha vez mercada a máscara (vía Amazon) a mesma deume a idea de facer unha crítica humorística para colgar na propia Amazon pero, logo de darlle voltas á cabeza, desbotei esa idea e apostei por convertila en curtametraxe.

A partir de aí entrei en «como sería vivir coa máscara no día a día» seguindo a liña de humor con trasfondo serio que caracterizan os meus traballos. Podes rir co que ves e do que ves pero á vez tes nos teus miolos unha ou máis cuestións serias sobre a identidade, as relacións sociais, a vida moderna ou o tema ou temas que se toquen.

Do guión á realización cambiaron moitas cousas? 

Prácticamente cero. É unha das vantaxes do formato. O guión era unha especie de escaleta con todo moi claro. Con ela rodamos sen ningún problema, eramos un equipo moi pequeno e con moita confianza. Ás veces os actores desexaban acudir ao guión pero tiñan a escaleta de marras, de aí xurdiu a coña de «se gaño un premio de interpretación ao recollelo direi: Brian, grazas polo texto!!!» – risas – Agora que recordo a anécdota recoñezo que co luxo de reparto que tiven foi moi fácil que desas partes do guión que poñían “improvisación”, cun pouco de traballo previo, resultase interpretacións sólidas. Xogaba en casa con amizades e actores e actrices moi talentosos, así da gusto.

Falanos logo dese reparto, do equipo técnico e colaboradores (recordamos que ao longo dos seus dez minutos desfilan unha vintena de actrices e actores lucenses ademais dalgún persoeiro da cidade) 

Aí teño moito camiño andado, por sorte. Xa fai cinco anos que estou cos Microefectos Dramatúrxicos e sempre nos axudamos nos proxectos paralelos coa garantía de que sabemos que imos respostar ben ás exixencias do traballo que sexa. Así que tirando de xente de Microefectos (coma Anxo Manoel, Conchi Madrina ou Elvira Velasco), da entorna de Microefectos, xente do incríble Grotesque Film Festival ou das reunións de «Cinerxias» todo é moi fácil e cómodo.

Mención especial para Olalla Caamaño quen debutou fai pouco en Microefectos e leva moitos anos con moita bagaxe musical ás súas costas, o de interpretar o tiña ultimamente un pouco en segundo plano salvo algunha incursión no Grotesque pero estaba plenamente convencido de que o faría moi ben como penso, en efecto, que fixo.

Por certo, o “gato” Javier Miranda ten bagaxe en curtametraxes e, ante todo, na música, tivo unha morea de grupos e proxectos musicais. É unha persoa cun humor incríble. O papel de Julián era moi xestual e corporal, como a propia máscara obriga, e Javier encaixaba perfectamente para o rol, claramente era o gato. Foi velo uns segundos coa máscara posta e xa case me vin polo chan de tanta gargallada.

 
Hoxe en día producir e realizar un traballo de cine é realmente difícil. Foi duro sacar adiante o proxecto?

Non especialmente. Coas bromas estiven case oito meses dándolle á idea na cabeza en segundo plano, desenvolvendo as ideas, imaxinando planos. Cando me animei a executala,  logo cadrar axendas coa xente, en dez días tivemos resolta a rodaxe. Logo encerreime a montar. Pouco despois, no primeiro festival: PREMIO! Cousa que me fixo moitísimo ilusión. Foi saír da última sesión de Microefectos e, ao día seguinte, recibir esta boa nova.

Certo…no RIR • International Comedy Shortfilm Festival e curiosamente ao guión?!

Si, por primeira vez na historia do cinema premian unha escaleta como guión!!!! Fago moita broma co tema da escaleta pero, a verdade, é que había intencións narrativas, visuais, sonoras e textuais moi claras dende o comezo. Por máis que lle din voltas, facer un guión con formato normal, tirar do “método” non me tiña sentido ningún. A forma e tacto co que te achegas á unha determinada idea está por riba de métodos e maneiras precodificadas de proceder, penso que a sensibilidade, o gusto e a reflexión, que son cuestións moi subxectivas, son o punto de partida para levar a cabo unha idea de maneira persoal; sempre que teñas circunstancias axeitadas e a liberdade para proceder así, claro.

Falemos de cine. Influencias. Co nome da túa produtora/asociación Juan Casaveteiro está claro que Cassavetes está entre os teus referentes…

«Faces»do John Cassavetes foi un filme que  supuxo un cambio na miña maneira de ver cine. Hai algo nas películas deste director que é diferente, o achegamento que fai aos conflictos teñen unha visceralidade e unha intimidade tan intensas, con esas escenas tan longas e un tacto en cada detalle que se ve en pantalla que penso que os seus filmes son unha experiencia única. Non podo esquecer un curso marabilloso de interpretación para a cámara que impartiron Oliver Laxe e Magdalena Arau aquí en Lugo, en 2012. Tratábase dun curso enmarcado no proxecto Buxiganga o cal foi outro punto de inflexión moi importante para min. Compartir con eles como entendían o cine ou contemplar a súa humanidade no trato co reparto e técnicos deume moitas claves. Foi unha experiencia moi intensa, supuxo unha importante reflexión antes de entrar en Microefectos, (o xermen aquí foi outro curso de Buxiganga no que caín de casualidade) e que me entregou de cheo ao teatro. Voltando aos referentes, penso moitísimo no cine de Éric Rohmer, na importancia da reflexión previa á filmación dos seus filmes, o seu rigor, a importancia da luz, o traballo habitual con xente de confianza e, sobre todo, que algunhas das súas películas clave rodounas con equipos humanos moi reducidos, coma «El rayo verde» .

 
Pois mira, quedamos para outra entrevista e falamos só de cine. Imos máis ao fondo, máis ao proceso creativo. Cómo é o teu día a día de traballo nos guións? Hai xente que se pecha nunha habitación en silencio e traballa duramente horas e horas, outros prefiren o bullicio da cociña ou dun bar… contanos un pouco que fai o Brian para sacar adiante pezas para Microefectos, curtas etc

Bueno, ás veces traballo en bares e teño que reconocer que a nocturnidade é primordial para min pero… sendo para Viva Lugo vouno contar… ¡bailo! 

Cómo que bailas ?! 

Si, póñome a bailar coma un tolo eh, nada de pasos de baile finos e técnicos. Bailo libremente nunha habitación, dunha parede á outra, cos cascos a todo volume, dandoo todo, así nacen as moitas ideas, tanto fílmicas coma teatrais, tiro dos fíos do guión, diálogos… se teño a peza bailada teño a peza microefectiana lista para redactar! Iso si, isto que estou a contar é algo moi íntimo, é unha exclusiva!

Farás algo que non sexa comedia algún día?

Sí, claro que si, date conta que fago humor pero cun fondo serio, o drama sempre está en segundo plano en case todo o que fago. Teño traballos gardados que saénse completamente da comedia pero por razóns varias aínda non se fixeron…algo caerá seguro.

Xa que falas de proxectos gardados e de futuro… con qué andas?

Estou cun proxecto de facer pequenas pezas audiovisuais só para a rede, rotando na orde de subida cun compañeiro de batallas excepcional como é Iago de Sant, aí andamos…De momento traballando nelas e sen data para empezar a compartilas. Tamén me gustaría adaptar unha das miñas últimas pezas microefectianas. E… oxalá retorne o Grotesque Film Festival, algo excepcional da nosa cidade que se fixo un chisco de rogar nos últimos tempos.

BRIAN RODRÍGUEZ

Brian Rodríguez -youtube-, realizador, guionista e editor de vídeo licenciado en Humanidades e Máster en Creación, Desenvolvemento e Comercialización de Contidos Audiovisuais combina o traballo de realización de vídeo coa creación de ficción, sexa en forma de curtametraxes ou sketches baixo o nome de Casaveteiro Films. É co-coordinador do proxecto didáctico-audiovisual A Lanterna Máxica e, ademais, tamén escribe, dirixe e interpreta para a compañía teatral lucense Microefectos Dramatúrxicos.

«Maullidos de Látex» supón o retorno de Brian Rodríguez ao universo da curtametraxe tras De fiestuki con la peñuki, curtametraxe presentada a comezos de 2016 e que foi seleccionada para participar no festival Primavera de Cine e no Galician Freaky Film Festival, ambos de Vigo. Tamén gañou o premio Non Vale Furar no irreverente festival lucense Grotesque Film Festival.