maullidos-gato-lugo

AG 2018 Brian Rodríguez, lucense, creador audiovisual e membro da compañía teatral Microefectos Dramatúrxicos (non sabemos se por ese orden), ven de presentar «Maullidos de látex», curtametraxe escrita e dirixida por el mesmo e co-protagonizada por Javier Miranda e Olalla Caamaño. A súa estrea non pode ser mellor porque ven acompañada dunha boa nova: a curta foi seleccionada para formar parte da Selección Oficial do Festival RIR – Festival Internacional de Curtas de Comedia que celebrará a súa primeira edición en Allariz entre o 5 e o 9 de setembro. Este festival está centrado no ámbito do humor e contará con traballos enviados dende diversos países. Desta maneira comeza a andaina de Maullidos de látex polo circuíto de festivais cinematográficos 

A curtametraxe, que conta a historia dun home que un día se pon unha máscara de gato e non a volve a sacar, está filmada coas formas estilísticas propias dos vídeos informativos dos medios dixitais. Ao longo dos seus dez minutos desfilan unha vintena de actrices e actores lucenses ademais dalgún persoeiro da cidade. A curta foi realizada, coma é habitual nas curtas de Brian, de man da asociación lucense Juan Casaveteiro.

Este filme supón o retorno de Brian Rodríguez ao universo da curtametraxe tras De fiestuki con la peñuki, curtametraxe presentada a comezos de 2016 e que foi seleccionada para participar no festival Primavera de Cine e no Galician Freaky Film Festival, ambos de Vigo. Tamén gañou o premio Non Vale Furar no irreverente festival lucense Grotesque Film Festival.