MAR 2018 O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia contará por segundo ano consecutivo con sesións en Lugo grazas ao convenio que acaban de asinar a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o Club Cultural Cineclube Valle-Inclán. As proxeccións serán programadas unha vez á semana, ás 19,30 h, na Casa do Saber da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

 O director da Agadic, Jacobo Sutil, e a presidenta do Cineclube Valle-Inclán, Mª Antonina Gay, subscribiron na Delegación Territorial da Xunta en Lugo este novo acordo de colaboración, mediante o que a asociación repite en 2018 como unha das sedes da programación do Centro Galego de Artes da Imaxe, xunto coa sede da filmoteca na Coruña e os cineclubs Padre Feijoo de Ourense e Lumière de Vigo.

Baixo o epígrafe Sesións de Filmoteca, a carteleira do CGAI en Lugo arrancará o vindeiro 7 de marzo coa primeira das tres sesións dedicadas á conmemoración do Día da Muller. Nela proxectarase a película arxentina Alanis, unha das sensacións do festival de San Sebastián, onde levou os premios á mellor dirección para Anahí Berneri e á mellor actriz para Sofía Gala pola súa interpretación dunha traballadora sexual que se esforza por educar o seu fillo.

Seguirana neste pequeno ciclo El orden divino (día 14), sobre o movemento feminista nos anos setenta en Suíza, e Una vez fuimos salvajes (día 21), retrato dun barrio madrileño asinado pola galega Carmen Bellas.

images

Xa en abril, poderán verse por primeira vez na cidade tres producións españolas que trazan unha radiografía do que foi o panorama cinematográfico independente en 2017. Todas elas chegan avaladas pola crítica e por premios en diferentes festivais: Los objetos amorosos (día 4), de Adrián Silvestre; La vida y nada más (día 11), de Antonio Méndez-Esparza; e El mar nos mira de lejos (día 18), de Manuel Muñoz Rivas.Esta primeira escolma bimestral de 2018 pechará o día 25 de abril con Grandeza y decadencia de un pequeño comercio de cine, comedia con triángulo amoroso de por medio que o pai da Nova Ola francesa, Jean-Luc Godard, filmou para a televisión en 1986 e que vén agora de recuperarse cunha versión restaurada, inédita en salas.

A entrada para as Sesións de Filmoteca é gratuíta para os socios do Club Cultural Cineclube Valle-Inclán e para a comunidade universitaria. O seu prezo para o público xeral é de 1 euro.