Manel Cráneo abre no MIHL o primeiro encontro de banda deseñada histórica que se celebra en Galicia

ABRIL 2018 Un ilustrador de referencia como é Manel Cráneo abriu este venres, no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), o primeiro encontro de banda deseñada histórica que se celebra en Galicia. Fíxoo coa conferencia Proceso técnico creativo da banda deseñada histórica. Ante a atenta mirada de numeroso público, falou de procesos técnicos e creativos da banda deseñada histórica, dos diversos xeitos e sistemas de traballo para abordar proxectos tanto de ficción histórica como banda deseñada divulgativa, das fases de investigación e documentación, o deseño artístico e desarrollo de guión, o traballo en equipo con persoal científico e unha morea de cousas máis… además de ensinar moito material inédito que hai detrás de cada proxecto, coma bosquexos de preprodución do proxecto “A Torre dos Mouros”

 

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, participou neste charla, enmarcada dentro da programación do Arde Lvcvs Cvltvral, organizada polo Concello para quentar motores para a celebración do Arde Lvcvs. Concretamente con esta actividade, búscase aproveitar a presenza dalgúns dos mellores ilustradores de Galicia para que as persoas participantes aprendan a debuxar a historia do Arde Lucus. Deste xeito os profesionais poden dar nocións de como ilustrar certas temáticas da vida galaico-romana da época.

Neste primeiro encontro, que continuará, nas mesmas instalacións municipais,  participarán tamén os ilustradores Víctor Boullón, Tokio, Miguel Fernández, Tomás Guerrero e Pepe Carreiro.  Este encontro do noveno arte, da ilustración, está dirixido a todos os públicos, dende os máis cativos a maiores, e as persoas interesadas en participar xa se poden insciribir a través do 010 ou no 982297350 para as de fóra de Lugo. 

PROGRAMA

Obradoiros do o 6 de abril ao 21

Sesións teóricas:   Manel Cráneo abordará o venres 6 de abril o Proceso técnico e creativo da banda deseñada histórica. Pepe Carreiro, o creador dos Bolecha, abordará o día 13 de abril o mundo dos Barbanzáns e a Cultura castrexa en banda deseñada e José Barreiro, o venres 20, Roma na banda deseñada. Todas as charlas comezarán ás 20.00 horas.

Obradoiros prácticos:  terán lugar o sábado 14 e o sábado 21. O primeiro para nenos e o segundo para adultos. Nestas sesións, os ilustradores Victor Boullón e o lucense Miguel Fernández ensinaránlle aos participantes a debuxar romanos e romanas e castrexas e castrexos. 

Roteiros con ilustradores en xuño:

Os seis ilustradores especializados en xénero histórico percorrerán o sábado 16 de xuño os puntos fundamentais do Arde Lvcvs e realizarán debuxos en directo situados en puntos estratéxicos da cidade e da festa. O obxectivo é tentar representar en banda deseñada o ambiente que tería a antiga Lucus Augusti a ravés da representación historiada que veciños e asociacións fan durante esta festa.

Posteriormente haberá unha xuntanza para que os autores poñan en común os seus traballos, valorar as ilustracións realizadas e proxectar a posible publicación dos traballos a través dunha viñeta historiada. 

Algunhas das ilustracións resultantes destes obradoiros poderían aparecer publicadas na web oficial do Arde Lucus e serán distribuídas a través das redes sociais deste I Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia. 

Promove:  Concello de Lugo,  o portal www.historiadegalicia.gal e Demo Editorial